Pepe Caballude presentou onte na libraría Brañas de Carballo a súa novela «En terra allea»
13 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Gusta ver que por onde un pasa os alumnos o recordan». Pepe Carballude falou onte en Radio Voz unhas horas antes de presentar na libraría Brañas Verdes de Carballo a novela En terra allea. Nesa conversa amosábase entusiasmado polo lugar, co libreiro Moncho Tasende ao fronte, pero tamén pola presentadora, Xosefa Costa, profesora de Filosofía no Alfredo Brañas: «Algo moi emotivo para min, Xosefa foi alumna miña nos anos 80, e hoxe [por onte] presentaralle unha obra ao seu antigo profesor de Latín».
Constáballe a Carballude que habería máis docentes, e máis exalumnos no publico. E así foi. Pasou xa tempo, pero eses anos non diluíron o pouso que deixou nel a capital de Bergantiños: «O meu primeiro destino como catedrático de Latín foi aí. Non fora nunca, pero cheguei e atopei uns amigos que aínda conservo, unha estancia grata, do mellor da vida». Carballude confesa que sempre lle gustara argallar historias, e foi un concurso o que o animou a seguir. Por fortuna hoxe ten ben obra publicada, oficio que compaxinou co seu, o da docencia.
Do Brañas chegou a ser director un par de anos, «unha experiencia interesante, pero rapidamente me dei conta de que non era o meu, o centro daquela eran case mil alumnos e uns cen docentes».
Algo que toca a todos
En terra allea, a novela de Pepe que onte o trouxo de volta a Carballo, mira de preto ás migracións. Humanamente. «A literatura, dende todos os tempos, é un conxunto de dúas cousas. Serve de goce, de pracer, de divertimento, pero tamén de denuncia e reflexión. E este é un dos temas sobre os que reflexionamos hoxe». «Moita xente vén aquí buscando unha saída, como antes foron os nosos. Eu son fillo de emigrante, meu pai estivo trinta e pico de anos en Alemaña, miña tía está enterrada na Chacarita, en Bos Aires (...) Todos dalgunha forma fomos emigrantes, e agora temos que saber portarnos cos que veñen, acoller, axudar na medida do posible, saber portarnos». O libro pulsa tamén a importancia desta xente que axuda, resistindo ao «bulo fácil» de dicir «que os de fóra nos veñen quitar o traballo».
É un libro para mocidade? Pode selo, pero é en realidade un libro para todos. «A literatura xuvenil admite moitas lecturas», sopesa Carballude ao falar de En terra allea (editorial Galaxia): «O tema da migración é un tema que nos toca aos maiores e aos mozos, que nos toca a todos». A novela é panca para o pensamento, para tomar nota dun punto de vista. Acto entrañable, con homenaxe incluída a Xelucho Abella nunha tarde literaria en Carballo. Coincidían ata tres presentacións á mesma hora na vila: a de Carballude, a de Fernando Cabeza Quiles (ver aquí) e a de Marta Seoane Pazos.