
Mónica Prego presentou obra este venres, e a mocidade reflexionou ao fío de «Sempre en Galiza»
01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ata catro actos culturais coincidiron o venres, todos eles pola tarde, en Carballo. Dous deles xiraron en torno a libros publicados, un deles unha obra tan senlleira como Sempre en Galiza, de Castelao, por estar de 80.º aniversario. A outra é ben máis recente, de xullo deste 2024, e ten por autora a Mónica Prego, nacida en Ordes, mais moi conectada por lazos persoais coa capital de Bergantiños. Se a primeira das presentacións foi na súa vila, a segunda non podía ser noutro lugar que Carballo, e o público soubo agradecelo.
Non poucos, e entre eles unha ampla representación municipal, se achegaron ata o Museo de Bergantiños para acompañar a Mónica na posta de longo de A carón do lume (editorial Galaxia). Tivo ao seu lado a Xavier Alcalá, nun «fermoso, cálido e acolledor espazo», algo que atribúe en grande medida aos detalles que tanto coidou Miguel Suárez. Mónica Prego —@pandebroa— ten ben seguidores por Bergantiños na súa faceta profesional de creadora e divulgadora de contidos, e mesmo dúas ou tres receitas do libro están vinculadas a Carballo.

Precisaba onte a autora que non se trata «dun libro de receitas para facer», senón «dunha viaxe a través desas receitas ás nosas raíces e tradicións, aos momentos e circunstancias nos que se facían eses pratos». Esa esencia queda reflectida mesmo na portada, que tivo clara dende o comezo: «O obxectivo, deixar un recordo, unha emoción». Co seu blog, sen maior pretensión que organizarse ela mesma coas receitas, Prego comezou aló polo 2014. Moito cambiou dende entón. Mónica, doutra banda, terá hoxe un «bautismo» no Espazo Nature de Razo. Estréase ao fronte de talleres presenciais, e este será de galletas de Nadal: 10.00 horas. Hai tres anos que, en liña, leva a cabo un solidario de roscóns, cuxa recadación vai á Fundación Adcai. Abrirán inscricións para en breve.

Escola Agra de Caldas
Non lonxe do Museo de Bergantiños, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, levouse a cabo ese encontro arredor de Sempre en Galiza, protagonizado pola mocidade. Seis participantes no faladoiro —Gabriel Rodríguez, Venancio Serrano, Anxo Carracedo, Carolina Carreira, Laura Méndez e Hadrián García— moderados por Ana Vázquez. Cada un deles, tomando por referencia unha frase desta obra referencial do pensamento de Castelao, publicada no 1944 en Bos Aires, reflexionou sobre o que mudou, ou non, no que atinxe a esas cuestións. Unha Galicia con idioma propio, os anceios e as realidades, o degradamento da lingua, o galego como o mellor xeito de expresar «os nosos íntimos sentimentos, fondas dores e perdurables esperanzas», a lingua como a maior obra de arte... Tamén cun nutrido público, e igualmente con representación da corporación, o encontro promovido dende a concellería de Normalización Lingüística deixou nos asistentes un aire de emoción. Fíxose acompañar dunha pequena exposición do Castelao humorista gráfico.