Xosé Regueira: «O futuro de Carballo pasa pola ampliación do polígono»

Marta López CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O edil responsable da área de Promoción Económica cre que o feito de que non se rescaten as peaxes da AG-55 prexudica aos empresarios carballeses respecto a outras zonas de Galicia

28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicepresidente provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira é tamén o responsable da área de Promoción Económica do Concello de Carballo. Peaxes, conexión ferroviaria, ampliación ou circunvalación son algunhas das necesidades que considera fundamentais para o desenvolvemento do polígono de Bértoa e da economía carballesa en xeral.

—Que sectores están tirando do desenvolvemento económico de Carballo?

—Comercio e hostalaría, fundamentalmente, pero cada vez teñen máis peso empresas de ámbito industrial. O polígono de Bértoa está sendo un polo de crecemento económico.

—Empresarios e Concello coinciden en dúas necesidades fundamentais: a ampliación do parque e a circunvalación.

—O futuro de Carballo, e mesmo do eixo con Arteixo e A Laracha, pasa por esa ampliación. A pesar dos retrasos, segue tendo unha demanda de solo altísima. E en canto á circunvalación, é algo fundamental non só para o polígono, senón para Carballo en xeral. A esas dúas demandas eu engadiría outras dúas máis: as peaxes, que obrigan a que empresarios de Carballo estean pagando uns prezos que noutras zonas se están quitando, e a conexión ferroviaria co porto exterior. Creo que deberiamos empezar a pedila.

—É iso o que lles trasladan os propietarios de Bértoa?

—En esencia, si, aínda que eles teñen necesidades a distintas escalas. Dende o Concello tamén temos deberes que cumprir, como esa saída cara Oza e a costa de Razo que está agora na súa primeira fase, ou esa báscula para camións que queremos facer no primeiro semestre do ano que vén. Adecuar vías, mellorar servizos, traballar en zonas de uso común... Temos unha folla de ruta pactada cos propios empresarios, cos que nos reunimos a miúdo.

—Segue habendo demanda de solo?

—Na oficina técnica do Concello e no propio polígono terán datos máis concretos e oficiais, pero si. Hai cantidade de consultas sobre a dispoñibilidade de solo. E non hai que pensar só nos novos inversores, pois tamén hai empresas que xa están instaladas en Bértoa e que non poden medrar como lles gustaría pola falta de solo.

—Hai naves xa construídas para aluguer?

—Hai algunha, pero a maioría van para empresas de ocio ou deporte, pois non se soen atopar naves que se axusten a determinadas necesidades de tipo industrial. Quizais algo para almacenaxe ou loxística.

—Bértoa chegou ao seu límite, entón.

—Fréase o crecemento, dificúltase a comunicación entre as empresas matrices e as secundarias e imposibilítase que se instalen outras actividades complementarias, tendo que recorrer a terceiros. Tamén se evita que se instalen determinadas empresas que actuarían como polos xeradores de emprego e servizos. Cando chegas ao límite da capacidade, a actividade ralentízase.

—Temen unha fuga de inversores cara outros polígonos próximos?

—O de Carballo ten algo moi positivo, e é que ten xa moitas empresas ofrecendo moita variedade de servizos. Noutros polígonos pode haber solo dispoñible, pero non esa rede que temos aquí. Temos constancia de que hai xente interesada que leva ata anos esperando por esa ampliación, pero é certo que se non se viabiliza axiña quizais acaben optando por outros lugares.

—Dende o Concello teñen traballado en cuestións de mobilidade, como a construción de sendas ou a proba dunha liña de bus urbano. Seguirán avanzando neste campo de traballo?

—Hai pouco achegueime co xerente do polígono á delegación territorial da Xunta para expoñerlles necesidades en materia de mobilidade. Eles presentáronlles un estudo moi completo para pedir que as liñas de autobús que xa saen da Coruña cara Carballo teñan paradas no polígono (dúas, unha na fase vella e outra na nova). Creo que se se estudase con rigor, habería formas de levalo a cabo. Porque, ademais, a intensidade de tráfico que hai no polígono polo uso do vehículo particular é bastante alta. Se ben é certo que coas sendas e conexións que se executaron dende o pobo está diminuíndo. Cada vez vese máis xente que vai andando ou en bicicleta ata alí.