Crítica | 33.º FIOT | Sobre «Las bingueras de Eurípides» | Non son un gran seguidor deste tipo de teatro tan burlesco, pero sería inxusto se non lles recoñecera o bo traballo que fan
29 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Estou seguro de que as festas que organizaban as Bacantes na honra de Baco, na antiga Grecia, serían moi parecidas a esta que montan Las niñas de Cádiz en Las bingueras de Eurípides. Senón con ese estilo, si con esa intensidade e desmadre. O motivo desas celebracións era que as mulleres puideran liberarse da rixidez social que estaban abrigadas a respectar na vida cotiá. O que non creo é que tiveran tanta guasa como estas desinhibidas gaditanas.
Un estilo de teatro, en aparencia sen máis pretensión, para que o público pase un anaco divertido e feliz. Claro que só con poñer un pouco de atención vemos que detrás de tanto cachondeo, Dionisios reencarnado nunha muller guerreira e empoderada, agóchase unha vindicación feminista pola liberdade e contra o patriarcado clara e rotunda. «Gracia y salero» en cantidade, números musicais e chirigotas ata fartar, confidencias íntimas contadas con desenfado, sen dramatismos, e moita diversión. Son profesionais que che dan o pego aparentando ser un grupo de actrices e actores amateur que están de esmorga nunha noite tola.
Manifestación popular
Entroido gaditano en estado puro, incluídos os pareados típicos das cancións sarcásticas que as charangas cantan, polas rúas libremente, nesa época. Todo un acervo popular que Las niñas de Cádiz enaltecen con esa referencia a Eurípides e á cultura clásica. De todos modos, hai que recordar que o teatro en Grecia, na Inglaterra Shakespiriana, ou no século de ouro español, era unha manifestación popular. Agora parece cousa de catedráticos, pero en cada unha destas épocas o público era o chamado populacho, así despectivamente. Pan e circo.
Teño que aclarar que non son un gran seguidor deste tipo de teatro tan burlesco. Sen embargo, penso que un dos éxitos do FIOT é programar teatro de variados estilos e para todos os públicos. E cando escribo estas crónicas intento deixar de lado os meus gustos persoais e centrar a atención en aspectos máis técnicos. Seguramente non sempre o consigo. E neste caso concreto, sería moi inxusto se non lles recoñecera o bo traballo que fan.
Por outra parte, o público gozou destas Bacantes bingueras, e moit@s non subiron ao escenario, nesa escena final desenfreada, porque non @s invitaron.
Saúde e longa vida…