Dez anos doutra mirada aos libros dende Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A biblioteca Rego da Balsa festexou onte o seu décimo aniversario

03 ene 2025 . Actualizado a las 21:15 h.

O violín de Enrique Aldao, alumno do Conservatorio de Carballo, soou hai xusto dez anos para dar a benvida a toda a comitiva que participaría da inauguración da biblioteca Rego da Balsa. Era o 24 de outubro do 2014, tamén Día das Bibliotecas, coma onte, cando este espazo cultural de Carballo se presentaba ante sociedade e veciños coa súa vocación integradora e de achegamentos diversos á lectura, para calquera idade, pero cun aire moi mozo.

Este primeiro decenio de vida —nunca mellor dito— xa transcorrido acredita o cumprimento dese obxectivo, dinamización premiada con varios galardóns María Moliner. Na tarde de onte, o Conservatorio de Música volveu ter peso no festexo destes dez anos que se veñen conmemorando ao longo da semana con iniciativas varias: contos, esculturas, presentacións e, en definitiva, encontro en torno á cultura e en torno ao idioma.

«Solta de libros.» En xoves de feira, onte, levou a cabo a biblioteca unha solta de libros conmemorativa do Día das Bibliotecas, obras procedentes do expurgo na instalación. Tan só había que achegarse, elixir e levar o título que máis convencese.
«Solta de libros.» En xoves de feira, onte, levou a cabo a biblioteca unha solta de libros conmemorativa do Día das Bibliotecas, obras procedentes do expurgo na instalación. Tan só había que achegarse, elixir e levar o título que máis convencese. ANA GARCÍA

Aquel 14 de outubro do 2014 tamén houbo beatbox e nun edificio icónico pola súa arquitectura pasearon Cicerón, Víctor Hugo, Rosalía, Ulises, Ana Karenina, Whitman ou García Lorca. Eles están na memoria dese día, pero tamén o está o incendio na piscina Carballo Calero que obrigou a unha evacuación e trouxo un bo susto para a localidade, a mesma xornada. Lembrábao onte pola mañá Evencio Ferrero, alcalde, diante das concelleiras Belén Lendoiro e Ánxeles Pacoret nun encontro celebrado precisamente nas instalacións do Rego da Balsa.

Foi día de anuncios, tamén, na biblioteca San Xoán, que pasa a denominarse Agra de Campos e na que se veñen de acometer unha serie de melloras e reformas, resultando unha nova imaxe.