A Semana dos Avós despídese cun recoñecemento a cinco sancristáns

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O Abaladoiro | Unha maneira, di o párroco de Carballo, de agradecerlles tantos anos de servizo á comunidade

21 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta dunha representación teatral, que terá lugar o vindeiro domingo, concluíu onte a vixésimo sétima edición da Semana dos Avós de Carballo coa entrega, como xa é costume, dos recoñecementos de Avó de Carballo. Unha homenaxe que antano se estendía aos maiores de 80, pero que máis recentemente se lle vén facendo a persoeiros, colectivos ou entidades destacadas.

Nesta ocasión, e executada por parte da asociación Fogar da Xuventude e dos rapaces da catequese, os destinatarios foron cinco sancristáns: Manuel Taibo Estramil e José Lista Regueira (a título póstumo, xa que faleceron neste último ano) e Fernando Pena Vila (Sísamo), María Varela Viña (Bértoa) e José Taibo Castro (Cances). Entregóuselles cadanseu diploma e medalla, explicou o párroco, José García Gondar, en agradecemento polo seu servizo á comunidade.

Tal é a dedicación, que Taibo non puido asistir ao coincidirlle en horario coa misa na súa parroquia, Cances.