«En ''Multiperspectivas'' falamos moito de presente, do momento»
CARBALLO MUNICIPIO
Hoxe, tarde de estrea absoluta no ciclo OTNI do FIOT de Carballo, coa compañía galega Paula Quintas
18 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cales son os límites do teatro? Pode fundirse coa danza, co circo, coa tecnoloxía? Isto vén ao fío do FIOT de Carballo e, particularmente, do seu apartado Obxecto Teatral Non Identificado, o OTNI. Para hoxe mesmo, ás 21.00 horas, no salón de actos do Pazo da Cultura, está prevista a estrea da peza Multiperspectivas#3, de Paula Quintas Cía. Un espectáculo de 50 minutos, con entradas en ataquilla.com (5,50 euros), e que promete acción, humor, risco, beleza e tamén sorpresa. Fala Paula:
—Fundadora da compañía, co-creadora do espectáculo e corresponsable de dirección e coreografía. Está en «Multiperspectivas#3» de principio a fin.
—Correcto. Eu non paro en todo o tempo, dende que recibimos ao público ata que remata a obra cunha pequena conversa para contextualizar. A peza convida a perspectivar, a xerar olladas distintas, dende puntos de vista non habituais para un espectador.
—O título dinos que houbo episodios anteriores. É unha investigación na que experimenta cos límites das artes.
—Os artistas, para crear, temos que investigar. É algo fundamental para xerar innovación. O espectáculo está enmarcado nunha tese doutoral que desenvolvo dende o 2021 na Universidade de Vigo, coa dirección de Carlos Tejona. Este Multiperspectivas#3 digamos que sería a parte práctica, visible e tanxible. Investigo os límites e confluencias entre as artes do movemento, neste caso a danza contemporánea, o circo contemporáneo e outras artes como pode ser a performance. En Multiperspectivas falamos moito de presente. O que pasa nese momento nesta función só pasará ese día, os espectadores son os directores da peza e ata activan cousas para que vaian por un lado ou por outro. Non é unha participación forzada, é unha instalación experiencial.
—Fisicamente, durante os 50 minutos da peza, veremos entón unha instalación circense.
—Si. Dúas estruturas para practicar esa técnica de circo na que son especialista, arame tenso, algo similar ao que chaman funambulismo, por máis que este sexa a partir dos cinco metros. Eu estou a dous.
—Ten longa relación con Carballo e súa Primavera enDanza.
—Aplaudo o traballo de Carmen [técnica de Cultura] e todo a equipa. Carballo, comentámolo entre a profesión, é un foco moi importante para a exhibición e para compartir procesos co público. Para o ano estrearei aí outra peza.