Entre luces e sombras

SANTI PAZOS

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Crítica teatral | «A propósito de En mitad de tanto fuego» | Patroclo dinos que por riba do amor non manda ninguén

12 oct 2024 . Actualizado a las 21:42 h.

Jacques-Louis David pinta, nun inquietante cadro hiperrealista, a un Patroclo espido dando as costas. Un corpo de forte complexión que esconde o seu rostro. Un heroe da Ilíada homérica avergoñado. Nada que ver con este personaxe reflexivo e orgulloso que retrata Alberto Conejero a través do actor Rubén de Eguía. Moi ben dirixido por Xabier Albertí e intelixentemente iluminado, entre luces e sombras, por Toni Ubach e o propio director.

Un home desenfocado pola forza do destino e polo papel de secundario ante un Aquiles, semideus, que concentra admiración e envexa a un tempo. Mais «o dos pés lixeiros», en contra do que nos conta Homero, ou esa película de Brad Pitt, segundo conta Platón, e outros escritores gregos, era un atractivo, valente e case imberbe mozo que gustaba dos praceres versátiles que nesa época eran práctica común. Diso vai esta descarnada confesión. Un exercicio de íntimo axuste de contas coa historia real (ou inventada). Quen sabe?

O actor que está enriba do escenario vai vestido, actual, con camiseta e vaqueiros, para recordarnos que simplemente é unha voz que interpreta un relato do que foi, ou puido ser, a relación de amizade e amor desta parella que representa, por riba de todo, a lealdade e admiración incondicional. Amor que se agocha tras dun peto de bronce brillante salpicado de estrelas. E cando a voz se lle rompe ao protagonista dáste conta que estamos a ver teatro, que non está nu, que Patroclo só é brasa que se apaga. Quizais o fume delate unha paixón incomprendida. Ai, cos pés descalzos! Os monólogos dramáticos sempre corren o risco de esvaecer. Hai momentos nos que noto cansazo e voz debilitada. Un efecto que naturaliza e humaniza o traballo do intérprete. Manter intensidade constante durante tanto tempo non é doado. A poesía non é unha iluminación irracional, é unha interpretación que sublima esas realidades que de tan pedestres parecen anticuadas sendo, de feito, a disección perfecta para darlle aire a iso que a nosa alma esconde.

Mil ollos expectantes

Patroclo, na voz de Conejero, avanza no tempo e fala das guerras que asolaron o mundo no século XX e o que está a pasar. Xa saben, supoño, Palestina. Todas as guerras son incomprensibles. O actor fala entrecortado. Non entendo moi ben por que. Penso que improvisa ou intencionadamente quere transmitir esa catarse de ver como os inocentes morren arreo. Entender e descifrar os motivos polos que un actor se move ou queda inerme sobre dun escenario, cando mil ollos miran críticos e expectantes, é algo incomprensible. Patroclo en metade do lume sempre mira de fronte. Sorprende. Rubén de Eguía tamén. Mirando ao espectador con intensidade cómplice amósase sen prexuízos, limpo e vítima, sen queixa posible, por ser parte imprescindible dunha relación que transcende pola dor que comporta amar e ser amado en silencio e a un tempo incapacitado para adormecer o desexo.

Nunca reparei neste personaxe. Entre Odiseo e Aquiles, Troya, Héctor, Menelao e esas viaxes odiseicas, escurecen todo o que está ao seu redor. E, sen embargo, aquí rexurde algo máis intenso. Dentro dese enramado homérico de deuses e homes que opositan a coroarse, Patroclo pon os pés na terra dos mortais e dinos que por riba do amor non manda ninguén.

Saúde e longa vida…