Enreguéifate propón o magnetismo das regueifas para impulsar o galego
CARBALLO MUNICIPIO
O certame, que incorporará dúas categorías máis, empeza con obradoiros
09 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Puro magnetismo!». Ese é o lema da oitava edición de Enreguéifate, unha iniciativa para impulsar o galego, especialmente entre a mocidade, e, ao mesmo tempo, para difundir a regueifa como forma de improvisación oral. As primeiras actividades deste curso céntranse en obradoiros para achegar esta disciplina aos nenos e mozos, para despois comezar en xaneiro o certame de regueifas en vídeo, que contará con oito categorías, tras sumar dúas novas.
Este proxecto, impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo, iniciará esta oitava edición cun curso destinado ao profesorado para que coñeza a regueifa como ferramenta didáctica. Será o vindeiro 18 de outubro nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, e está aberto o prazo para inscribirse. Hai 45 prazas e será impartido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Despois, ao longo do primeiro e do segundo trimestre do curso académico, impartirán preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de quinto e sexto de primaria e da ESO dos concellos impulsores da iniciativa, a cargo de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón.
Xa a principios do 2025, entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo, abrirase o prazo para participar no certame de regueifas en vídeo, que contará con dúas categorías: unha xeral, aberta á participación de calquera persoa que o desexe, e outra escolar, para alumnado de ensino non universitario. Segundo establecen as bases, nos vídeos —feitos en galego e de temática libre— deben aparecer como mínimo dúas persoas. A duración máxima é de tres minutos. Os traballos deben remitirse a través da web de Enreguéifate. Nesta edición, en cada unha das categorías haberá oito modalidades, xa que suma dúas novas: a regueifa máis inclusiva e a regueifa máis entroideira. Continuarán os recoñecementos á máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. Os galardóns, que son de carácter simbólico, serán entregados nunha gala conxunta dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.
«Trátase dun proxecto que tenta fomentar o uso do galego nas xeracións máis novas, de xeito que, a través da poesía oral, de manifestacións creativas e artísticas, poidan sentir esas gañas de empregalo», afirmou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na presentación da nova edición, acompañada polo rexedor de Ames, Blas García; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate, que abriu o acto no pazo de Raxoi facendo unha demostración práctica desta arte de improvisar. Pola súa banda, o alcalde de Ames indicou que «á xente máis nova lle gusta a regueifa», resaltando tamén a importancia de poñela en valor, «xa que é algo noso». Para Demetrio Gómez, este proxecto é «imprescindible para achegar a lingua á mocidade dun xeito ameno, agradable e divertido». En canto aos obradoiros para os centros educativos, incide en que buscan «normalizar a nosa lingua, fomentar a creatividade e o pensamento crítico». Desde a organización agardan que esta edición sexa moi participativa, apuntou María Vázquez.