#MQVS, unha estrea coas garantías FIOT e Berrobambán

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Narración oral, experiencias persoais e teatro fúndense na peza «Mulleres que viven soas». A estrea absoluta será este sábado no festival de Carballo, cun auditorio que xa está cheo 

01 oct 2024 . Actualizado a las 23:11 h.

«Si, si, si, si! Escoitaron ben! A incrible muller cambiante! A muller con diferentes corpos, diferentes caras, pero que no fondo segue sendo... unha muller que vive soa!» (...)» A voz de Paula Carballeira enche o escenario na pronuncia destas palabras, énfase reforzado polas intervencións e xestos de María da Pontragha e Vero Rilo. É un petisco do que as tres intérpretes ofrecerán este sábado 5 de outubro, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, a estrea absoluta de Mulleres que viven soas, #MQVS, unha coprodución entre Berrobambán, consolidada compañía da escena galega, e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). #MQVS vai ser a apertura do programa de sala desta 33.ª edición do encontro carballés, e velaí o seu efecto talismán, pois o auditorio estará totalmente cheo.

BASILIO BELLO

#MQVS ten como temática a liberdade —e o medo que sempre lle deron ao resto— das mulleres que viven soas, sen pátina negativa para a soidade, con ás para voar, infinitas rutas invisibles, como as liñas de Caterina Albert reivindicando en Insumisión o dereito ás propias escollas de vida, a mesma escritora que houbo de refuxiarse detrás do nome Víctor Català, e que toda a vida viviu en solitude. #MQVS ten como dramaturga á propia Paula Carballeira —Premio Nacional de Literatura Dramática— e na dirección a Chiqui Pereira e Nuria Sanz, con Montse Piñeiro en escenografía.

O sinxelo mobiliario, as cores ben elixidas, a luz, levan a poñer o foco na narración oral e nas mulleres, na forza feminina, dúas cuestións tamén capitais no FIOT: «Era un deber estar neste proxecto», afirmou o director do festival, Alberto Sueiro. Se Agora é sempre é o lema este ano, a temática non podería ser máis acaída: «Hai conflitos de toda a vida e este é un deles». Dun lado e do outro están ledos, pois, de terse unido.

BASILIO BELLO

Mulleres que viven soas nace dunha sesión de contos de Carballeira que logo medrou coa gravación dun pódcast, testemuñas de nove mulleres que viven soas. Noutra «reviravolta» máis, o proxecto pasou a teatro, así que de todo iso hai na obra, unha comedia híbrida entre teatro documental, standup e teatro isabelino. Unha «montaxe complexa» entre distintos textos dramáticos, experiencias de vida —propias e doutras—, música tradicional con pandeireta e ata bruxas de Macbeth, cunha interpelación constante ao público nese esvaecemento entre ficción e realidade: «Todo o que contamos é verdade», dixo Paula.

BASILIO BELLO

A «intimidade colectiva» dunha contada lévase ao teatro sen quitarlle peso á narración, de aí a aposta por dúas contadoras que se estrean como actrices, María e Vero: «É bonito saber que a narración oral ten un cacho no teatro». «Xogaron sen límites, a morte», contou delas Nuria Sanz.

BASILIO BELLO

Satisfeito de que no FIOT haxa cabida para a innovación, Evencio Ferrero, alcalde, desexou nun xogo de palabras que «a carballeira se expanda»: «A cultura tennos que servir para facernos valer».