O que si está claro é que a Rúa dos Contos goza dunha saúde estupendas se temos en conta a afluencia de público
02 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O domingo pasado, para pechar a primeira fin de semana do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), levei unha grata sorpresa. Alberto Sueiro, director do festival, agasalloume cunha nota de agradecemento pola miña colaboración a través de diversos medios de comunicación, que escribira hai 24 anos. Foina gardando nas diversas chaquetas que usaba coa intención de darma, pero, por unha cousa ou outra, non encontrou o momento. Agora xa está no meu poder e ben contento que quedei. Sobre todo polo aprecio mutuo que nos temos. En realidade, o FIOT sempre foi coma unha familia extensa, voluntariosa. Así naceu por moito que hoxe funcione, afortunadamente, de xeito profesional, xa que iso é o que permite que creza e permaneza.
Unha mágoa que a actuación de Miki DKai que acababamos de ver no mercado municipal non pasase de ser un arremedo daqueles humoristas rancios da época de Pajares ou Esteso. Chistes pasados de rosca por exceso de uso. Dou fe, porque visito o sur con bastante asiduidade, que nesa zona faise outro tipo de humor máis acorde cos tempos que vivimos.
Tamén é certo que pode ser cuestión de gustos, xa que algo parecido pasoume no Mesón do Pulpo, o xoves, con Federico Pérez. A xente riu canto quixo, mais eu quedeime coa teima de que canta mal e iso que as letras eran suficientemente irónicas. E, por outra parte, a referencia ás colombianas e outras lindezas non me fan graza. Culpa miña, por suposto.
A fama que lle precede por ese programa da TVG que se titulaba Era visto é de sobra merecida. Eu era e sigo sendo fan.
Os pratos fortes
Así e todo, os pratos fortes desta primeira entrega teatral, penso que foron Cándido Pazó no Valle Inclán, e Evaristo Calvo no Lograduro. Son dous humoristas, cada un no seu estilo, que non precisan recorrer ao chiste fácil para engaiolarte e facerte pasar un anaco divertido. Por algo están entre os mellores contadores de historias de Galicia. Cándido, ademais de ser un gran director e autor teatral, é un portentoso coñecedor e transmisor da tradición oral, con el aprendes a nomear en galego como corresponde rescatando do esquecemento palabras que nos identifican e que corren o perigo de desaparecer. E con Cagadas pasas un tempo estupendo e saes cunha lección aprendida de cultura popular inestimable. Notouse, iso si, que era estrea absoluta e precisa de rodaxe. Nada importante para alguén con tantas táboas.
Por outra parte, Evaristo, gran actor como ten demostrado en tantas obras, é pura abstracción. Desmonta calquera dúbida razoable levándonos a un mundo que de tan absurdo adquire visos de realidade científica. Faite pensar e retórceche os miolos cunha elegancia que produce envexa. Penso que este A ver que pasa é o mellor monólogo que lle teño escoitado e xa van uns poucos. E como actor, desde que fixo A peste, está en estado de graza.
Houbo tamén dúas obras de teatro de rúa que non puiden ver. Unha mágoa porque soen gustarme e gozo ver aos nenos aplaudir e sorprenderse por artistas cargados de habilidades admirables que fan traballos que proceden da tenrura. Non vin tampouco a Leti da Taberna, outra vez será. A Jazmín Abuín, si. Pero deixoume un pouco frío e prefiro non facer comentarios.
Onde si o pasei moi ben foi na Residencia de Maiores de Carballo, na Praza de Vigo. Non tanto pola actuación do clown Walter Velázquez, senón pola disposición para divertirse desa xente maior que parece querer apurar ata o último grolo os bos momentos da vida. A destacar dous señores que se arrincaron a cantar coplas para sorpresa do público.
O que si está claro é que a Rúa dos Contos goza dunha saúde estupenda se temos en conta a afluencia de público en todos os espectáculos. Parece que en Carballo o de andar de rúa en rúa e de bar en bar presta.
Saúde e longa vida…