Entre clásicos do FIOT e un FIOT de clásicos: conta atrás para a 33.ª edición

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Así se presentou este venres a programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

06 sep 2024 . Actualizado a las 23:47 h.

Que o que non se diga calle tanto como aquilo que se expresa a viva voz é un clásico de clásicos e, diso, de clásicos, irá a 33.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. A Alberto Sueiro, presidente de Telón e Aparte, non lle fixo falta dicir este venres que o auditorio do Pazo da Cultura se queda pequeno, bastoulle con informar de que a compañía Kamikaze aceptou facer unha excepción e ofrecer aquí só a primera parte de Vania x Vania porque a segunda require de moito espazo. A Evencio Ferrero, alcalde, tampouco lle fixo falta afirmar que un Concello só non pode levantar un auditorio máis grande, chegoulle con valorar que «sería anómalo que só dende a dirección unilateral da Administración local se poidan afrontar grandes retos (...) Se queremos ir a máis temos que seguir remando, toca xuntar todos os esforzos». Unha cousa e a outra son dous clásicos do FIOT e aínda hai un terceiro polo menos, este si dito abertamente: «Cometín un erro o ano pasado. Dixen que ía ser o mellor FIOT da historia e será este». Foron palabras de Alberto, claro.

Chanzas e necesidades aparte, o que se deu a coñecer foi a edición 2024 dun FIOT que ten por lema Agora é sempre —información ao detalle das obras nesta información—. Antes das intervencións, deixou o camiño andado en canto á temática deste ano a Aula de Teatro Municipal, cunha pequena peza na que pediron «un festival no que todos poidamos estar», «igual actualizando un pouco, pero dándolle valor aos clásicos»: «Sen nós non existiría o teatro». Os problemas da sociedade seguen sendo os mesmos. Onte e hoxe, antes e agora. O que poden variar son as solucións que se lle dan.

Hai anos que a divulgación do programa xa deveu acto social na capital de Bergantiños. Díxoo o alcalde: o FIOT é cada vez máis esperado pola sociedade carballesa e polos afeccionados á escena doutros puntos de Galicia. Será esta edición un festival de teatro clásico? Un festival de autor? Un festival de teatro de vangarda? Non a esas preguntas de xeito individual, pero si a todas xuntas. «Na música e na cultura superar os 27 anos xa é unha fronteira, a partir de aí podes facer carreira. O FIOT está establecido», afirmou Sueiro lembrando recoñecementos do festival como referente das artes escénicas, incluso a nivel estatal: «A nosa fama vai por diante de nós». Facendo gala dese carácter «reivindicativo» que lle atribuíu o conselleiro de Cultura, José López Campos, o presidente de Telón e Aparte e director do festival incidiu en que o FIOT «vive e sobrevive»: a inflación e os custes de contratación, precisou, subiron moito máis que as axudas. Aínda así, o que pasará por 21 escenarios diferentes de Carballo do 26 de setembro ao 31 de outubro será «o máis granado do teatro contemporáneo». Non houbo o ano pasado representación internacional, desta volta si: El brote, da Compañía Criolla (Arxentina). Será unha das estreas a nivel España. Ao outro lado do océano rompeu toda previsión de entradas.

ANA GARCÍA

Luciano Calvo, en representación da Fundación Luís Calvo, foi un dos primeiros en recoller a «directa indirecta» dos custes. Como Sueiro, agradeceu a quen fai este festival posible: organización, Cultura, voluntarios, son e, dende logo, público. Todo iso fai do FIOT «unha celebración» e de Carballo «un escenario vivo», en palabras da deputada provincial Natividad González. Elevou a Xunta nun 30 %, dixo o conselleiro, os fondos destinados a proxectos de artes escénicas, 280.000 euros. Non hai quen lle tusa ao FIOT en puntuación nese baremo («é un gran éxito a nivel cultural en Galicia»), pero tamén vai a máis entre quen repartir: «Galicia está nun dos momentos máis brillantes, de maior creación cultural».

OBRAS DE SALA

  • «Mulleres que viven soas», #MQVS. Berrobambán. Sábado 5 de octubre
  • «En mitad de tanto fuego». Miramedia y GREC Festival. 11 octubre
  • «Iribarne». Butacazero. Sábado 12 de octubre
  • «El brote». Compañía Criolla. Sábado 19 octubre
  • «Los amigos de ellos dos». Producciones [OFF] y Vania. 20 octubre
  • «Casting Lear». Andrea Jiménez, Barco Pirata y Teatro de La Abadía. Sábado 26 de octubre.
  • «Las bingueras de Eurípides». Las niñas de Cádiz. Domingo 27 octubre.
  • «Vania x Vania (versión 1)». Teatro Kamikaze. Xoves 31 de octubre

RÚA DOS CONTOS

Cumpre 25 anos. Entre o 26 de setembro e o 11 de outubro virán a Carballo Walter Velázquez, Federico Pérez, Cándido Pazó, Evaristo Calvo, Jazmín Abuín, Leti da Taberna, Miki Dkai, María da Pontragha, Carlos Rebolo, Carta de Axuste, Paraíso Teatro... 

CICLO OTNI

«Olvido Flores», de Estefanía de Paz; «Teatro de papel», de Rauxa Compañía; «Archivo vivo de resistencia», de José Ramón Hernández-Osikán; «Multiperspectivas #3», de Paula Quintas; «Una rueda que da vueltas», de Almeara. Do 6 ao 25 de outubro.

TEATRO DE RÚA

Do 27 de setembro ao 11 de outubro. Pasarán por Carballo «Cabicivai», de Pablísimo; «Lullaby», de Proyecto Kavauri; «Moby Dick», de Pedras de Cartón; e «Mal de tolos (consolo de moitos), de Cirkompacto.

FIOT EN RUTA

«Molto Barroco», de Píscore, o 13 de outubro; e «Brokeback Sabucedo- Paixón entre bestas», de Sal do Teatro, o domingo 27.

ENTRADAS E BONOS

O público xeral poderá adquirilos a partir do 23 de setembro. No caso da Rúa dos Contos, xa dende o 16 de setembro. Todos os detalles, na páxina web www.fiot.gal.