Novo curso na Escola de Regueifa de Carballo, que estrea sede

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Lupe Blanco volverá impartir as sesións, que se retoman este venres 6: cada dúas semanas

05 sep 2024 . Actualizado a las 18:34 h.

As Escolas do Xardín Agra de Caldas, novo nome das escolas do xardín carballés, pasarán a ser a nova sede da Escola de Regueifa de Carballo, que na tarde deste venres dará por iniciado o seu segundo curso. A Escola, iniciativa da concellería de Normalización Lingüística, tivo no seu día boa acollida, e non só iso, senón que «segue a liderar a promoción da regueifa entre a sociedade carballesa e bergantiñá», en palabras do Concello. As clases —19.00 horas, cada dúas semanas— serán impartidas, coma sempre, pola proclamada xa tres veces mellor regueifeira de Galicia, Lupe Blanco. Moitos dos alumnos da primeira edición volverán ás clases, aínda que non fai falta inscribirse para acudir: tan só achegarse. A vindeira cita, por tanto, o día 20.

«Moi orgullosa»: así se declara a edila Ángeles Pacoret sobre que Carballo teña unha das poucas escolas de regueifa en Galicia, sendo ademais un punto de encontro entre xeracións. Hai alumnos —de Carballo, Coristanco, A Coruña...— dende os 5 anos ata os máis de 80. Que a iniciativa prosperase ten tamén que ver coa implicación do movemento asociativo do municipio, de forma que se puxo en marcha unha escola itinerante da man de Nemeth, Casino 1889, As Landras, Escola do Alprendre ou Ría de Lema. Clases maxistrais e obradoiros foron outras das iniciativas recentes. Normalización Lingüística impulsou asemade unha Liga da Regueifa co apoio de locais de hostalaría: aspiran a impulsar outra edición, dada a boa acollida da primeira.