Eu, ao pregón, vou con chaqueta

Santi Pazos

CARBALLO MUNICIPIO

CHEIÑO DE TO

De festas no barrio carballés da Milagrosa | Se a excelentísima comisión de festas quixera ben podía nomear a Noite das Chaquetas coincidindo coa lectura do pregón 

30 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os máis modernos, nos anos oitenta, recuperamos as chaquetas de pais e avós, canto máis usadas mellor, como unha actitude transgresora contra a moda pija que xa imperaba e recuperando certas esencias do movemento Hippy dos 60. E curiosamente, máis ou menos por esas datas, un grupo de mozos carballeses acudían á primeira verbena das Festas da Milagrosa ataviados desa guisa. Como ben lembraba o alcalde, Evencio Ferrero, nun artigo da revista das festas do ano 22, «o paseo pola Rúa do Sol camiño do primeiro día de verbena das Festas da Milagrosa lucindo unha chaqueta que viña de repañar no armario de meus pais. E así con esa prenda estraña, porque ninguén a utilizaba decote, iámonos xuntando uns trinta mozos, ou máis».

Parece ser que esa ocorrente costume só durou uns anos. Mais, de perdurar no tempo, teríase convertido en tradición, xa que así comezan os ritos que van pasando de pais a fillos adquirindo un carácter simbólico de vinculación social. Polo xeral con intencionalidade relixiosa, pero tamén, en moitos casos, laicos. Actividades lúdico festivas sen outra transcendencia que xuntarse para fortalecer as relacións familiares e veciñais. De aí que se a excelentísima comisión de festas quixera ben podía nomear a Noite das Chaquetas coincidindo coa lectura do pregón [é hoxe, 21.00 horas].

Recuperar hábitos divertidos e creativos sempre irá en favor de marcar a nosa identidade como barrio. A Ponte é algo máis que a capela da Milagrosa, dito con todos os respectos. Tampouco será necesario que mozas, mozos e xentes de idades provectas se vistan con chaquetas de estampados imposibles, como acostuma facer o humorista José Corbacho, porque non se debe confundir co entroido, aínda que cada quen é libre de ir como lle pete.

Como todos sabemos, os usos e costumes cambian, desaparecen e reaparecen. Miren as sardiñadas da Ponte, ou a festa do bosque en San Xoán. E o das chaquetas tamén se pode recuperar, non é tan complicado como pedir que se acuda con sombreiro de arquitectura etérea de tule e gasa como nas carreiras de cabalos de Ascot. Eu, como podedes comprobar nesta estupenda viñeta de Juan Barro (Cheíño de Tó), ao pregón na honra do prezado Francisco García Veiga (Gorrión), irei con chaqueta. Ademais, xa saberán por experiencia que as noitiñas de finais de agosto e principios de setembro veñen cargadas de resío, así que un pouco de abrigo prevén os primeiros catarros.

Felices festas!