O Verán Cultural da capital de Bergantiños abriu de xeito inmellorable, cun concerto pleno de forza
14 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Corría o vento e ata facía frío, pero daba a sensación de que incluso as follas dos plátanos da Praza do Concello de Carballo aplaudían. O público despediu de pé o espectáculo de Síntese Horizonte de Guadi Galego. O concerto xa empezou con potencia. «Non sei que teñen os seus ollos» e o público estaba gañado. Soaba consistente: «Penélope». Con «teño principios», exhibiu o pano palestino, que levou máis aplausos. A forza interpretativa enriba do escenario víase reforzada cos coros, de Paula Romero, Faia Díaz e Inés Salvado, de De Vacas, e mais Rocío Giménez. Madía levaba. Con Guillerme Fernández, á guitarra, e Isaac Palacín, á percusión, ambolos dous exBerrogüeto, ao igual que Guadi. Nos teclados, Álex Fernández e, no baixo, Rubén Iglesias. Acabaron cantándolle ás «mulleres do país» e unha especie de peza moi de De Vacas precedeu á despedida dun concerto que deixou contento xeneralizado.