Unha Praza dos Libros con especial lembranza a Facal

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Do 11 ao 14 de xullo a literatura volverá a inundar Carballo: velaquí o programa completo!

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o xoves e o domingo da semana próxima celebrarase en Carballo unha nova edición da Praza dos Libros, ou PLIC!, cita que nesta ocasión acollerá unha especial lembranza ao recentemente falecido artista Manuel Facal. Será no Espazo Facal, un recuncho no que o venres 12 se reunirán libros, útiles de gravado e, tamén, imaxes do internacional gravador para renderlle homenaxe.

«Finou recentemente un dos nosos carballeses máis ilustres [...] unha persoa que levou o nome de Carballo por todo o mundo», indicou, durante a presentación da cita, a concelleira de Bibliotecas, Ánxeles Pacoret. Ademais, nese pequeno Espazo Facal tamén terá lugar o venres á tardiña un faladoiro arredor da figura do prolífico artista. Participarán Miguel Anxo Fernán Vello, amigo e editor, e Cesáreo Sánchez Iglesias, director da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Arrincará a PLIC cun pregón de Xurxo Souto e co reparto dun paquete de tres latas de atún Calvo con cada libro mercado o xoves, agasallo posible grazas ao apoio da Fundación Luís Calvo Sanz, cuxo presidente, Luciano Calvo, estivo tamén na presentación de onte. Animou a mercar libros en físico pois a cultura, dixo, «hai que palpala coas mans».

O alcalde, Evencio Ferrero, explicou pola súa banda que o domingo, como xa é tradición, e coincidindo coa feira, tamén se entregará un molete de pan con cada compra. Puxo en valor, así mesmo, que en Carballo sigan abrindo librarías, como é o caso de Espazo Lector Nobel, que debutará este ano xunto con outros sete establecementos, cinco tamén de Carballo.

Talleres, espectáculos musicais, presentacións e faladoiros con dous Premios Nacionais, como son Yolanda Castaño e Paula Carballeira, integran a programación deste ano (á dereita, en detalle). Tamén se incluirá un concerto de Guadi Galego (venres, 22.30) e unha sesión vermú con De Ninghures (domingo, 13.00 horas).

O programa completo

Xoves 11 de xullo

  • 11.00. Comezo da Praza dos Libros, con animación durante a mañá con Cé Orquestra Pantasma e co reparto de latas de atún con cada libro mercado.
  • 12.30. Inauguración con pregón de Xurxo Souto e actuación da Banda Municipal.
  • 18.30. Concerto infantil e presentación do libro musicado «Silforiña de Golfiños».
  • 20.00. Presentación do libro «Centenario Bergantiños FC», de Xan Fraga, en compañía dos ex xogadores Lavín e Morato.

Venres 12 de xullo

  • 12.00. Obradoiro infantil «Debuxa o teu conto ilustrado», con Santy Gutiérrez.
  • 13.00. Presentación novela gráfica «Xaora», de Ana Moreiras, con Miguel de Lira.
  • 18.30. Obradoiro infantil-xuvenil de escultura, a cargo de Noelia A Ferreira.
  • 20.00. Presentación do libro «De centeo e durmideiras», de Rosalía Fernández Rial, en compañía de Montserrat Pena.
  • 21.00. Diálogo arredor da figura de Manuel Facal, con Cesáreo Sánchez e Miguel Anxo Fernán Vello no Espazo Facal.

Sábado 13 de xullo

  • 12.00. Obradoiro infantil de olaría a cargo de María Barca.
  • 12.30. Presentación do novo libro «Dun poema as ardentes estrofas: visións arredor da obra de Eduardo Pondal», con varios autores implicados.
  • 13.30. Exhibición da Escola Municipal de Regueifa, conducida por Lupe Blanco.
  • 18.30. Concerto infantil de Sonsoles Penadique e presentación de «O chintófano de Dorothé».
  • 19.00. Sinatura de libros por parte de Olga Rodríguez, Ramón Sánchez e Raúl Herrera.
  • 20.00. Faladoiro con Paula Carballeira arredor do libro «As alumnas», en compañía de María Caamaño.
  • 21.00. Presentación do libro de Miriam Beizana «A soidade das nenas», xunto con Lucía Vázquez.

Domingo 14 de xullo

  • Toda a mañá. Con cada libro mercado entregarase un molete de pan.
  • 12.00. Presentación do libro «Furia», de María Reimóndez, en compañía de María Rei Vilas e Rocío Lojo Yáñez.
  • 13.00. Sesión vermú do grupo De Ninghures, na carpa central.
  • 18.30. Concerto infantil de Paco Nogueiras e presentación de «Son animal».
  • 19.00. Sinatura de libros por parte dos autores Lola Rontano, Rober Cagiao e Luís García Soto.
  • 20.00. Xan Fraga presentará «A Costa da Morte. Confín de Europa», xunto con Rosalía Fernández Rial.
  • 21.00. «Muller, poeta, en galego e... polo mundo!», faladoiro con Yolanda Castaño en compañía de Jorge Mira.

Librarías participantes

A lus do candil (Arteixo), A gata tola (Santiago) e Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espiral Maior Foro e Espazo Lector Nobel (Carballo).