Evencio Ferrero: unha sinfonía é o espectáculo máis grande

Evencio Ferrero ALCALDE DE CARBALLO

CARBALLO MUNICIPIO

Así foi o discurso do alcalde de Carballo tralo pregón que deu apertura ás festas do San Xoán

21 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballesas, carballeses, despois de moitas incertezas e dúbidas sobre o lugar de celebración, incertezas obrigadas polas circunstancias e probabilidades de choiva, pregoamos hoxe na grande ágora municipal, a ledicia da festa porque sempre nos chega nestas datas da man do San Xoán.

O inicio da festa sempre é especial para todos e todas nós, pero agardo que coincidades en que este ano será ademais un ano para lembrar na nosa historia colectiva por ser o momento en que, por vez primeira, se interprete a sinfonía de Carballo e Bergantiños.

Aquí estamos para seguir marcando no camiño da vida un novo tránsito, un novo sentimento, unha nova referencia nas páxinas do libro local e no que aínda quedarán moitas por escribir.

Nestas datas volvemos desfrutar do trunfo do día sobre a noite, o trunfo da luz e da ledicia, no trunfo da cultura e o amor polo propio, e tamén do trunfo máis agardado para gozar do verán, porque para iso non hai festa como a do San Xoán, que prende en nós lembranzas de tempos xa vividos e novas ilusións como a que hoxe poderemos escoitar.

Estamos nas portas do solsticio de verán e con el, sempre chega a nosa festa, a festa do San Xoán e con ela virá, un ano máis, a ledicia, as luces, a troula e os amigos.

Convivencia

Pola dimensión da actuación musical retornamos a esta Praza do Concello para pregoar o San Xoán, este lugar de opinión pública, de feiras e mercados, de xogos e de festas, de proxectos futuros e cavilacións de tempos pasados xa sen retorno. Esta praza que se converteu para todos nós, para todas vos, no espazo máis democrático para convivencia de todas as xeracións, desde maiores a máis novos, de quen aquí vive e quen por aquí pasa. Esta praza que sirve de punto de encontro para amizades futuras como igual acolle actividades sociais, deportivas ou culturais. E non hai espectáculo de máis dimensión que estrear unha sinfonía propia, creada por un carballés e para Carballo e todo Bergantiños. Grande privilexio para todos nós que nos chega da capacidade creativa de Sergio Moure e da interpretación da orquestra Gaos.

O meu recoñecemento e agradecemento a Sergio Moure por elevar ao noso concello a lugar de privilexio de desfrutar de unha sinfonía propia.

Aquí estamos, máis outra vez, para encher de festa as rúas e para afirmar unha vez máis o orgullo de ser de Carballo neste traballo colectivo de transformación urbana no que a flor do esforzo sempre debe traer felicidade e benestar.

E mesmo vivindo a festa sabemos que non é verdade que esteamos no mellor dos mundos posibles, porque mentres haxa xente que o precise temos que estender a man, abrir os brazos para ser humanos e solidarios, e mostrar a solidariedade cos pobos que están a sufrir agresións e bombardeos a crianzas e que ven segada a súa propia vida.

Forza e saúde

Parabéns a un pobo que sabe desfrutar da festa e lembrar ausencias das que a memoria nos tapa o sorriso. Sodes bos e xenerosos e así o estades a demostrar enchendo as rúas carballesas para dicirmos semana a semana que Carballo parece o San Xoán como metáfora da forza e da saúde, como concello vivo, alegre e sempre dinámico e cun futuro espléndido de harmonía e progreso.

Aquí estamos a poucas horas de que principiará o verán e confiade porque seguro que virá. Xa vedes que non falei de flores, sardiñas, cachelas ou lume, pero non perdamos as tradicións porque sen elas seriamos uns ninguén, uns calquera e ficariamos diluídos como pobo con identidade propia, con orgullo de selo, con dignidade de ser carballeses e carballesas.

Nestas datas é obrigado lembrar para quen, por razóns laborais ou de estudo, non poden gozar o San Xoán.

Sempre un gusto escoitar música e será un gustazo escoitar nesta praza do concello a Sinfonía de Bergantiños. Grazas de novo a Sergio Moure e a orquestra Gaos por asumir este grande reto. Grazas ás cantareiras e gaiteiros e zanfoña por facer máis noso este acto tan extraordinario. Sempre teredes merecido o aplauso e grande recoñecemento.

Moitas grazas á comisión, que con tanto esforzo, fai posible a programación das festas, e tamén quero agradecer a quen aporta nestas datas o seu necesario traballo comprometéndose con este proxecto de todos e todas. Que o tempo acompañe! Que empece a festa! Viva o San Xoán! Viva Carballo!