A estrea da «Sinfonía de Bergantiños»: momento histórico para Carballo

Javier Bardanca DIRECTOR DO CMUS E DA BANDA MUNICIPAL

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

21 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

É un gusto para a veciñanza de Carballo e para os nosos oídos comezar as festas do San Xoán cun momento histórico para a nosa comarca, como é a estrea da Sinfonía de Bergantiños composta por Sergio Moure de Oteyza, un Carballés que plasmou na súa música as lembranzas da súa infancia e o vínculo con Carballo e a súa comarca de Bergantiños.

Comezaba cun primeiro movemento moi nostálxico, no que a música nos transmitía momentos das lembranzas do compositor, da súa vida e das súas raíces. O segundo movemento penso que intentaba reflexar a través da música os sons do mar, como rompen as olas contra as rocas cando as augas van e veñen, con eses sons que se percibían na música como se simularan iso, e cos sons das trompas dándolle esa forza de días de oleaxe. Para rematar, un terceiro movemento moi da nosa terra, cheo de forza, no que a música tradicional se fusionaba no medio da orquestra sinfónica con instrumentos como a zanfoña, gaita, pandeireta, pandeiro e as cantareiras que nos fixeron recordar as nosas raíces máis tradicionais cun apoteósico final que puxo a toda a praza en pé agradecendo un momento histórico para Carballo.

Bravo Sergio Moure de Oteyza por esta obra de arte para todos nós. Viva o San Xoán e felices festas para todos.