Bruaba a noite nos candís de metano

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

CARBALLO MUNICIPIO

CARMELA QUEIJEIRO

Ademais de ser uns consumados soñadores e fieis gardadores de rabaños invisíbeis, aceptabamos polas boas as humildes dimensións vitais da nosa existencia

21 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.
  1. Nós non cultivabamos os sementeiros do rancor nin os páramos do resentimento, non é certo, vellos compañeiros? Ademais de ser uns consumados soñadores e fieis gardadores de rabaños invisíbeis, aceptabamos polas boas as humildes dimensións vitais da nosa existencia, as que afastadas da historia traballabamos con fervor e devoción. E iso, pese a que, ás veces visitabamos as eiras da rabia e da carraxe, sobre todo cando nos puñamos furiosos diante dos abusos dos máis fortes fronte aos máis fráxiles. E se nos aventurabamos en mares máis agrestes, máis hostís, na busca de novos caladoiros, sempre tomabamos precaucións para retornar ao noso lugar natal: esta aldea que é San Martiño, este recuncho do Souto, onde nacemos.

 

Era nos recantos das nosas tribos onde escoitaramos por vez primeira bruar a noite nos candís de metano das nosas casas. Neses intres, fóra, resoaba unha voz antiga, unha voz xa esquecida, rogando que lle abrísemos a fiestra para durmir ao quente. Cando os días medraban, nas mañás cedo mirabamos fóra e decatabámonos de que xa verdecían as viñas. E entón albiscabamos a declinante luz da vendima baixo a que brillaban os dourados acios das uvas. Neste punto, compañeiros, vexo as sombras do que daquela eramos, unhas pequenas criaturas vagando entre xestas ateigadas de vaíñas escuras, ou collendo amoras nas silveiras que adornaban os camiños.

Aínda faltan uns cantos meses para que veñan os días de pisar as uvas, aló polos últimos atardeceres do verán, datas nas que recordamos que os vichelocregos papaban os figos negros da figueira da nosa cuñada Lola. Si. Aínda queda moito que remar para arribar ás portas das vellas adegas ateigadas de arañeiras. Mentres, dicirvos que son estes momentos estupendos para escoitar os murmurios silenciosos dos regueiros. Ouvide a suave música do que nace nas Fontaíñas, regato que descende pacientemente por entre as brañas até entregarse no rústico regazo arruinado do lavadoiro de Xión. Recordade que á súa beira, tombados sobre a herba, descansabamos cando viñamos de limar as afiadas cristas dos outeiros. De brinco en brinco chegabamos xunto aos amieiros e entón practicabamos o dialecto dos merlos, que asubiaban desde a pola dun freixo, detrás do antigo estaleiro de Luis Carolada.

Todo iso ocorría un pouco antes de perdernos entre a verde espesura dos milleirais, até onde penetraban as voces das nosas nais, que repicaban como lonxanas campás para lembrarnos que tiñamos que ripar o trevo das Cortiñas, onde aterrabamos logo de atravesar a escura pasantía das Bouciñas, entre altos fieitos e fiúnchos, polo lado das rodeiras dos carros escritas no barro da corredoira que morría diante da fonte dos Fríos, entre o estrondo do croar dunhas ras estresadas. No espello prateado daquel regueiro, onde outrora nos mirabamos, a auga corre agora avergoñada por debaixo de longas e malas herbas e por entre as silvas que se apropiaron dos valados, sempre limpos e coidados nos tempos dos avós ou de nosos pais.

Debeu ser por todo isto que, queridos compañeiros, hai uns días tiven un soño rarísimo. Só lembro que a nosa aldea quedara se habitantes, mentres un ficaba parado no Montiño, no comezo do camiño para Faldexín de Arriba. No recodo, fronte da viña da irmá Lula, había unha neveira. Como tiña sede, abrina e collín unha cervexa. Sentei nun outeiro a bebela. E mentres pensaba: arestora aquí só hai silvas e lagartos estomballados ao sol sobre os penedos cubertos de musgo seco. Os piñeiros están todos mortos. Nos fornos de pedra das casas dormen os morcegos. Polas vigas de carballo dos alpendres pasean alegremente as denosiñas, mustélidos que, cando eramos nenos, temiamos tanto como o chuchasangue. Ao mesmo tempo, os ratos roían as espigas nos hórreos abandonados e os raposos xa arrasaran os galiñeiros antes da nova lei de animais dos pijos que nos gobernan e da grande fuxida para a Vila. Ao espertar, atopeime na encrucillada de Brión, decidindo se regresaba por Berres ou por Vista Alegre.