Rocío Pérez: «Déronme moitas veces para atrás por ser muller, pero logrei o que quería»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

A viva voz | Cantante, condutora de autobús e fogueteira, esta carballesa ten xa datas pechadas para actuacións ata setembro do próximo ano

08 mar 2024 . Actualizado a las 18:02 h.

Rocío Pérez (Rus, Carballo, 1982) será unha das participantes na mesa redonda que se celebrará mañá no Fórum de Carballo con motivo do 8 de marzo: As mulleres teñen a palabra, 19.00 horas. Ela é un exemplo de superación á hora de facer traballos moi masculinizados. Non foi nada fácil. «Chorei moito», recoñece. Hai xa días que non hai prazas para asistir ao acto, ao que están inscritos 80 adultos e 17 nenos. Ademais de Rocío, estarán a enxeñeira química e investigadora Xanel Vecino, a enxeñeira técnica forestal Laura Recarey e a xogadora e adestradora de fútbol Laura Seoane.

—É condutora de autobús.

—Traballo para Autos Costa e levo varios colexios. Empecei con Queijeiro e custoume moito entrar, sete anos. Presentaba o currículo, mirábanme e como non tiña experiencia xa nin me probaban como facían cos outros. Ao final tiven que acabar mentindo. Puxen un par de anos de traballo en buses e en camións en Asturias. Fixéronme as probas e ata hoxe.

—Ten tamén o carné de camión?

—Teño todos os de primeira, pero o que máis me gusta é o autobús. Dinlle nos fouciños ao meu monitor de camión que se riu de min canto quixo. Eu son pequena, 1,50 metros, e daquela tiña 22 anos. Pero eu quería conducir e facía 100 quilómetros en Asturias para unha hora de prácticas que ao final eran dúas. Déronme moitas veces para atrás por ser muller, pero logrei o que quería. Case non chegaba aos pedais. Tiña que poñerme na punta do asento. Xa me advertiron que non pasaría o exame así e por iso pedín a unha amiga uns zapatos de plataforma, de dez centímetros. Eran dous números máis e tiven que enchelos de calcetíns. Parecía un pato, pero aprobei.

—Por que escolleu este tipo de traballos?

—Porque son os que me gustan. A única diferenza que temos cos homes só son a forza e a resistencia. No resto somos iguais. Fixen un montón de traballos e moitos deles dos que se consideran masculinos. Estiven en cuadras de vacas, limpei montes, pero tamén estiven de camareira, de costureira... Eu traballei en moitísimas cousas, pero tiña metas e quería chegar a elas.

—E tamén bota bombas.

—Traballo para Artefogo desde hai catro ou cinco anos. Iso sempre me levou moitísima idea.

—Como vai o traballo como cantante?

—Moi ben. Teño todas as fins de semana comprometidas, teño para todo o ano e mesmo teño datas xa pechadas para setembro do ano que vén, agosto case que cuberto. Hai moitas comidas, vodas, bautizos, comuñóns, eventos, sorpresas... Agora a xente encántalle facerllas á xente maior. Tamén canto nos centros sociais...

—Contrátana tanto polo tipo de música?

—O meu é a pachanga, pero é sobre todo pola humildade, hai moita. Eu empecei no 2015 cando entrei en Luar, sempre quixen facelo, pero non podía porque tiña que coidar dos avós e de miña irmá.

—Adoita actuar pola volta?

—Si porque non teño necesidade de ir máis lonxe. Chamáronme varias veces mesmo de Portugal, de León, de Lugo, de Pontevedra e de Asturias, pero teño traballo abondo por aquí. Eu creo que me contratan tamén, polo que din, porque son cariñosa e humilde.

—Mestura algún dos traballos? Por exemplo o de condutora de autobús co de cantante.

—Ás veces, os nenos pídenme, sobre todo nos aniversarios. Cantamos, moven as mans, facemos palmas e van entretidos. Mentres non se levanten e non se movan do asento non hai problema ningún, aproveitamos as viaxes. Levámonos moi ben, non me enfado, pero saben o que é o respecto.

—De que vai falar na mesa redonda de mañá.

—Dixéronme dos traballos masculinizados. A verdade é que teño moitas cousas que contar e estou moi emocionada porque foi moi difícil conseguir as cousas. Hai moito traballo detrás.