Carballo impulsa unha Escola de Familias, Apego en Igualdade

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

P. BLANCO

A primeira das sesións será xa este venres, sobre primeiros auxilios, no mercado municipal

15 feb 2024 . Actualizado a las 12:00 h.

Vén de crear o Concello de Carballo unha Escola de Familias pola Educación en Igualdade. Apego en Igualdade é unha iniciativa impulsada dende esta área municipal e a de Normalización Lingüística, e vén en sintonía coas máis de 350 familias do municipio que xa forman parte do Programa Apego, dirixido a aquelas con pequenos de entre 0 e 6 anos de idade. Teñen os nenos un bo número de actividades, mais como dixo a edila Ángeles Pacoret, «parecíanos que faltaba unha parte de formación e reflexión para pais e nais, un espazo cómodo onde as familias falen con profesionais e reciban información rigorosa sobre diferentes problemáticas que xorden durante a crianza». 

Esta Escola de Familias reunirase, en principio, unha vez ao mes, en venres, e incluirá, entre outras propostas, charlas e obradoiros a levar a cabo no mercado municipal (17.30 horas). Abundou nas temáticas a tamén concelleira Maica Ures, quen remontou o xermolo desta iniciativa a actividades xa anteriores, como un obradoiro recente sobre xoguete non sexista ou mesmo este pasado domingo, o Día da Muller e a Nena na Ciencia: «A mellor maneira de desbotar as desigualdades é a educación e formación. Por iso nace esta escola». A primeira sesión será xa este venres, sobre primeiros auxilios aos pequenos, e impartida por Protección Civil. Cabe destacar que en todos os encontros haberá servizo de canguraxe, polo que as familias interesadas, no momento de inscribilo, han de solicitalo. Ofrecerase sempre e cando haxa un mínimo de 10 peticións. Para inscribirse nesta primeira proposta: 981 704 048.

Educar en igualdade será a temática da seguinte sesión, o 15 de marzo, conscientes, como dixo Ures, de que temos diferentes maneiras de socializar se o pequeno é neno ou nena: por aí se camiñará, por unha crianza libre de estereotipos. Desconecta quedará para o 19 de abril, sobre abuso de móbiles e dispositivos deste tipo, recibindo pais e nais ferramentas para frear ese uso e tamén aplicacións máis pedagóxicas. E ti, que tes que ver?, pregúntase a sesión do 24 de maio, en torno ao acoso escolar: a que indicadores temos que atender para sospeitar se o noso neno ou nena está sendo acosado ou é acosador? Finalmente, no tocante a esta primeira remesa de iniciativas (o programa estenderase máis no tempo), quedará Mi, me comigo, contigo, para o 21 de xuño, un faladoiro sobre educación afectivo-sexual. Impartirán as sesións expertos en psicoloxía infantil e xénero, sabendo ademais que outro dos fins desta Escola de Apego en Igualdade é, tamén, facer fincapé na importancia da corresponsabilidade á hora da educación: nais, pais e toda a familia. Educación en igualdade non só en canto a xénero, precisou a técnica de Normalización Lingüística, Carme Pereiro, senón tamén, por exemplo, en canto a oportunidades. 

«É importante que as programacións por parte das Administracións, neste caso o Concello, teñan unha liña condutora e uns obxectivos finais. Todo debe estar entrelazado para que estes fins se acaden. Non han de ser actuacións illadas», abundou Evencio Ferrero, alcalde. Neses obxectivos, unha sociedade libre de violencias, coa muller e os nenos empoderados, «na que todo o mundo se sinta a gusto coa súa forma de ser e de querer». Parabenizou o rexedor a Igualdade e Normalización Lingüística pola proposta e fixo un chamamento ás familias para participar. Máis información: snla@carballo.gal. Terán preferencia as familias integradas no programa Apego, se ben son actividades abertas a todas as interesadas, con nenos nesa franxa de idade, estean ou non empadroadas en Carballo.