Lupe Blanco imponse por terceiro ano consecutivo nos Premios Galegos da Regueifa
CARBALLO MUNICIPIO



















































































































































Trece improvisadores participaron na gala promovida por La Voz de Galicia en Carballo
14 ene 2024 . Actualizado a las 23:53 h.Se isto fose unha crónica futbolística, habería que comezar falando do hat trick que asinou este sábado a bergantiñá Lupe Blanco (Coristanco, 1980), do igualado que estivo todo o partido e da remontada que ela protagonizou ante o pontecesán Antonio de Xornes na última xogada. E é que Lupe, a primeira improvisadora profesional de Galicia, vén de lograr o seu terceiro triunfo consecutivo nos Premios Galegos da Regueifa, celebrados na tardiña de onte en Carballo por iniciativa de La Voz de Galicia co patrocinio de Nauterra (antes Grupo Calvo), a Xunta e o Concello carballés.
Trece foron os valentes regueifeiros que subiron ao escenario dun ateigado Pazo da Cultura para, a través de diferentes probas, demostrar as súas habilidades de improvisación, a súa capacidade para formar rimas, o seu dominio da linguaxe ou a súa axilidade á hora de adaptarse ás temáticas que, ou ben eran escollidas ao azar, ou ben proporcionadas polo xurado. Olalla Liñares, docente e traballadora pola difusión da regueifa; Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galicia; Rosalía Fernández Rial, docente e poeta; e Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística de Carballo, integraron o xurado, do que tamén formou parte o profesor e activista pola improvisación oral Manolo Maseda.

O que non sabía este último é que, ao remate do encontro, pouco antes de coñecerse o nome do vencedor, estaría el mesmo subindo ao palco para recibir o recoñecemento de Valedor da Regueifa, un premio creado para distinguir o traballo dunha persoa a prol deste patrimonio cultural. Tras requirir a presenza en escena do seu «irmán» dialéctico, Séchu Sende, para agradecer o galardón —e cantar, de paso, unhas coplas de gratitude—, retirouse a deliberar. Mais iso sucedeu ao final.
Un par de horas antes, a banda Xangai, autodenominada orquestra bravú, que dirixe o carismático músico e escritor Xurxo Souto, abría a cita cantándolle a Carballo, á comarca de Bergantiños e á regueifa. Uns primeiros compases eléctricos, cheos de enerxía, que deron paso aos presentadores da velada: o locutor de Radio Voz Fran Rodríguez e a xornalista de La Voz de Carballo Patricia Blanco, dous condutores que, como non podía ser doutro xeito, se presentaron regueifando.

Antes de dar paso á modalidade competitiva, alumnos de tres escolas participaron nunha exhibición de improvisación oral. Maré e Roi Souto García, da Escola Semente de Santiago; Marta, Tiziana, Daniel, Manuel, Miguel e Helena, do instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces; e Diego, Marité, Celtia, Amalia, Noelia, Tirso e Sara, da Escola da Regueifa de Carballo, demostraron que esta xenuína manifestación da cultura popular ten, abofé, moito futuro.

Deseguido, subiron ás táboas Antonio Reboiro, Sara Marchena, Kike Estévez, O Rabelo, Hadrián García, Alberto Liñares, Carme Fernández, Daniel Vilas (Chaminho), Óscar García, Yéssica Nantón, Antonio de Xornes, Suso de Xornes e Lupe Blanco: os trece participantes da terceira edición dos Premios Galegos da Regueifa Espallarrimas.
Medíronse todos nunha única categoría, divididos primeiramente por parellas (e un trío) e defendendo posturas contrapostas de temas como o transporte, as máscaras nos centros sanitarios, os medios de comunicación ou as carreiras profesionais, entre outros. De entre os trece, saíron elixidos seis semifinalistas, que desta volta tiveron que improvisar de xeito individual sobre temas, de novo, controvertidos. Antonio de Xornes e Lupe Blanco foron os dous contendentes que máis gustaron ao xurado, e, como finalistas, libraron unha dura batalla dialéctica de seis minutos (mais algún extra froito da intensidade do momento, mesmo a micrófono pechado) que deu como vencedora, un ano máis, á artista coristanquesa.
Ante os representantes institucionais e empresariais presentes no festivo encontro, repartíronse diplomas e os galardóns que manda a tradición: unha rosca e unha boneca. Retranca, ritmo, creatividade e ilusión reinaron nunha xornada na que mestría e canteira compartiron un mesmo escenario.