Presentada en Compostela unha nova edición do Enreguéifate

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O proxecto, no que participa Carballo, inclúe un concurso de regueifa e tamén obradoiros

14 ene 2024 . Actualizado a las 12:59 h.

Xusto un día antes da celebración dos Premios Galegos da Regueifa de Carballo, o Pazo de Raxoi de Santiago acollía onte, venres, a presentación de O Enreguéifate, proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo. Un dos piares do programa é un certame de regueifas en vídeo, que acada xa a sétima edición. Ata Compostela desprazáronse, dende Bergantiños, o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados carballés, Ramón Varela, e Lupe Blanco, regueifeira e formadora de Enreguéifate.

«Trátase dunha firme aposta pola colaboración entre Administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega», explicou Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. O lema elixido para O Enreguéifate este ano é Temos madeira regueifeira! Isto, indicaron, «porque a regueifa circula dende as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso».

Categorías e prazos

O prazo para participar neste certame de regueifas está xa aberto, dende onte mesmo ata o 1 de marzo: a inscrición ha de facerse na páxina web do proxecto, onde tamén se poden consultar as bases. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que aparezan como mínimo dúas persoas regueifando en galego, cunha duración máxima de tres minutos. Ramón Varela, edil carballés, explicou que se conservan as mesmas categorías de anos anteriores, unha xeral, para calquera persoa interesada, e outra escolar, para alumnado de centros educativos galegos non universitarios. Tamén son seis os premios, como na anterior edición: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, mais reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. A entrega de galardóns está prevista para o mércores 3 de abril, no Teatro Principal de Santiago.

Ademais deste concurso, O Enreguéifate contempla accións formativas para estudantes e para profesores. Serán máis de 80 os obradoiros de improvisación oral para alumnado de trinta centros dos concellos impulsores. Lupe Blanco —quen iniciou a presentación regueifando—, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces serán nesta ocasión os encargados de impartir todos estes talleres.