Lupe Blanco: «Son a primeira autónoma da regueifa»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Volven os Premios Galegos da Regueifa a Carballo e, como non, aí estará ela. Anoten data e hora: sábado 13 de xaneiro, ás 18.00, no Pazo da Cultura

31 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O último Voces de Bergantiños do 2023 pechou en Radio Voz cunha convidada especial e cunha proposta xa para o 2024: sábado 13 de xaneiro, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, terceira edición dos Premios Galegos da Regueifa, unha iniciativa de La Voz de Galicia, co apoio do Grupo Calvo —Nauterra—, da Xunta e do Concello carballés. Polos estudos da emisora pasou Lupe Blanco (Coristanco, 1980), absoluta revolución da regueifa bergantiñá nos últimos anos e, ademais, gañadora nas dúas edicións anteriores destes galardóns que tamén levan por nome EspallaRimas. O acceso do público será libre e gratuíto.

—Premios Galegos da Regueifa. Vén a terceira edición e, de novo, aí estará neste certame.

—Pois si, e desexándoo xa. Paréceme toda unha honra que estes Premios se celebren en Carballo, no berce da regueifa, que é Bergantiños. É algo moi positivo que toda esa xente colabore, participe e apoie que se siga mantendo a regueifa, tanto por parte das institucións políticas, a Xunta e o Concello, como do Grupo Calvo. Por iso temos que dar o mellor de nós para ese día.

—Deuno estes dous anos. Gardou algo para esta edición que vén?

—Pois non se sabe, porque isto é todo improvisado. Na regueifa non sabes como vas ter o día. Hai xornadas que che veñen moitas ideas boas á cabeza, e outras que non tanto. Farei o posible por revalidar, mais creo que iso non é en realidade o importante, senón que sexamos moita xente no palco regueifando. É iso o que apoio a tope, para que así poida ser.

—Non chegamos aínda en Galicia, como ocorre no País Vasco, a que unha persoa aboe unha entrada por ver regueifa.

—Si, alí son bertsolaris.

—Pero si puidemos ver o Pazo cheo nestes dous Premios.

—Exacto. Eu digo que a regueifa aquí aínda se ule, aínda se nota, está presente en todos nós. A xente quere vir ver regueifa, e o noso cometido é seguir traballando para que ocorra precisamente iso que mencionabas do País Vasco, que algún día haxa un espectáculo de regueifa, única e exclusivamente de regueifa, e a xente queira e poida pagar unha entrada para ver un festival así. Os regueifeiros xeralmente estamos dentro dun evento como algo puntual, como presentadores, teloneiros ou intermedio de algo. Impresiona, si, ver o auditorio cheo, é a clara mostra de que a regueifa está máis viva ca nunca, está no seu rexurdir. Dáche satisfacción ver que o traballo de moita xente se está valorando: coa mocidade, enchemos o auditorio de Galicia con 1.200 rapaces. Iso é algo impresionante.

—Quedou atrás a idea de que a regueifa é só unha disputa de taberna. Algúns pensábano.

—Exactamente. A regueifa ten moitas posibilidades. Ao traballar con outros improvisadores, como os do País Vasco, ou mesmo Cuba, cos que temos moito contacto, vémolas ben. Posibilidades a nivel educativo, coa xente maior... Aquí na Escola de Regueifa de Carballo é unha actividade interxeracional. Vai tanto xente de 5 anos como de 80 e moitos. Unha mostra de que se poden traballar moitas cousas á parte da regueifa de taberna, que si, hai que seguir mantendo porque é parte da tradición. Mais dándolle un punto máis de valor.

—Canto tiveron que ver as redes sociais neste rexurdir?

—Moitísimo. Eu sigo traballando tamén a través das redes sociais. Un vídeo que me pediron hai pouco para apoiar aos bombeiros comarcais ten máis de 100.000 visualizacións, brutal. Un vídeo curto botando unha regueifa, con catro ou cinco coplas onde a xente se ri, onde mandas unha mensaxe e resumes un tema, á xente faille graza. É marabilloso.

«Á escola de Carballo pode vir quen queira, cando e como queira»

—Pouco despois dos Premios da Regueifa 2023 nacía a Escola de Regueifa de Carballo, con vostede como profesora. Como vai?

—Medra. A nosa Escola é todo improvisación [ri]. Eu chego cunha idea do que vou tratar, pero vendo o que hai ao mellor cámbioo todo radicalmente. A diferenza doutras, nas que hai prazos ou cupos, á nosa escola pode vir quen queira, cando queira e como queira. A regueifar, a aprender, ou porque lle gusta e quere vir mirar. Asómbrame a cantidade de xente nova: teño unha nena de 5 anos que regueifa e improvisa que é unha marabilla, cos pequenos facémolo a través do xogo. Tamén hai adultos que lle dan forte.

—Xa temos contado que a regueifa é o único xénero de improvisación oral que segue vivo en Galicia. Vaiamos á regueifa de Bergantiños. Está salvada?

—Eu creo que si. O día 13 no Pazo de Carballo verase, e isto é o que máis me importa, o funcionamento de moitas escolas de regueifa por todo o país. Non só a nosa, tamén de Vila de Cruces, Vilalba, Silleda... Ten que haber semente, xente nova que veña con novos aires, aí está o futuro.

—Hoxe temos mulleres, nenos e nenas regueifando. Non só homes. Mudaron as tornas, semella.

—Xa era hora de que nos deixaran falar, que tamén temos moito que dicir. Na Escola de Carballo temos moitas mulleres que queren aprender. Estamos no século XXI, xa non ten que sorprender.

Ana García

—Vostede é neta de regueifeiro. Nalgún momento soñou con vivir disto? É un soño cumprido?

—Nunca foi un soño, nunca mo plantexara, pero agora si, vivo disto. As oportunidades aparecen na vida e a min cruzóuseme a regueifa como algo anecdótico. Comecei cunha páxina de Facebook, Regueifando pola vida, que foi a que me trouxo por vez primeira á radio. Diso fará agora sete anos e parécenme máis, por todo o que se fixo. Aquilo que eu empecei a facer para pasalo ben converteuse no meu traballo, moita xente dáme a noraboa porque son a primeira autónoma de regueifa. Imaxina en que epígrafe me deron de alta [ri].

Ten escrito que o regueifeiro é o artista máis completo.

—Non só hai que cantar dun xeito que caia ben ao ouvido, tamén has de ser moi actor ou actriz. Non hai decorado, non hai músicos, o regueifeiro ten que encher o escenario. Ha de estar, ademais, ao tanto das novas, controlar de todos os temas. Nos últimos Premios en Carballo regueifamos de política, deporte, actualidade...

—Se ao 2024 lle tivese que pedir algo para a regueifa, que sería?

—Se é coma no 2023, firmo agora mesmo. E se teño que pedir algo máis, iso que comentabamos, espectáculos de regueifa e que a xente pague por vela como se pagan entradas por outras artes.

—Convide para ir velos o 13.

—O que se vai ver non o sabemos nin nós, porque isto é improvisación, pero o que é seguro é que será un espectáculo marabilloso. Haberá artistas convidados e algo hai argallado que será histórico, xa o digo. Non haberá mellor festa para comezar o ano.