Verónica Bolón: «Sempre quixen resolver problemas»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

A viva voz | Enxeñeira informática carballesa referente no campo da intelixencia artificial e con importantes recoñecementos recentes, aspira a «seguir sendo feliz» co que fai. Advirte de que hai problemas relacionados coa IA que xa se están dando e que se están deixando de lado por pensar noutros, cando menos, «futuribles»

01 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2022 foi nomeada académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. A mediados do 2023 recibía o Premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia. O pasado novembro distinguíana coa medalla da Real Academia de Enxeñería. Son todos recoñecementos para a carballesa Verónica Bolón Canedo (1984), enxeñeira, doutora en informática, profesora do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Informática da Universidade da Coruña (UDC) e investigadora no Citic. Pasou onte por Radio Voz Bergantiños, onde conversou con Fran Rodríguez. 

—Como vive todo isto?

—Con moita felicidade, ás veces penso que estou nun momento profesional tan bo, que só pode ir a peor [ri]. Vívoo con moito traballo, non o vou negar, porque este tipo de cousas, que chegan por traballo, tamén traen máis traballo. Feliz, fago o que me gusta.

—É o seu mellor momento?

—Quizais si.

—Que significado teñen para vostede todos estes recoñecementos?

—Na Real Academia de Ciencias, por exemplo, son a máis nova, quizais uns 20 anos de diferenza, e entrar nunha institución que parece reservada a xente que xa vai cara o final da súa carreira, é un recoñecemento, porque a ciencia para min éo todo. Foi un soño feito realidade. Logo, o Premio Ada Byron, outra ilusión: vén dos meus compañeiros de profesión, eu son enxeñeira informática. O mesmo pola Academia de Enxeñería, estou moi orgullosa de ser enxeñeira. En Enxeñería Informática hai moi poucas mulleres e hai veces que se lle bota a culpa á palabra enxeñería e incluso se plantexa que se chame só Grao en Informática. Estou en contra. Eu non sabía ao comezo que quería estudar, pero si que quería unha enxeñería. Sempre quixen resolver problemas.

Verónica Bolón Canedo, profesora de Computación de la UDC
Verónica Bolón Canedo, profesora de Computación de la UDC UDC

—Vostede é referente no campo da investigación en intelixencia artificial. Que ferramentas usa no seu día a día?

—Moitos ordenadores, claro. Fai falta tamén ler moito, artigos xa publicados, porque se non sabes o que se está facendo é difícil avanzar. Hai que falar moito con xente doutros campos, é enriquecedor. Traballamos en laboratorios, que non son de bata branca, senón salas con ordenadores, aí é onde traballan os algoritmos.

—O seu nome está xa ligado aos algoritmos verdes. Busca que esa intelixencia contamine menos.

—Si. A intelixencia artificial (IA), aínda que pode ser ferramenta clave para solucionar problemas derivados do cambio climático, tamén á súa vez pode ser parte del. Os algoritmos de grandes empresas necesitan tantos ordenadores executándose tantas horas, semanas e incluso meses, que iso supón un consumo enerxético moi importante. Por exemplo, unha soa sesión de adestramento de ChatGPT equivalería ao consumo anual de 126 casas danesas. O que procuramos son métodos de IA que minimicen ese consumo.

—Vostede ten medo de que a IA acabe por substituír ao humano?

—Fálanme de películas como Terminator ou Odisea 2001, pero non as vin. É ciencia ficción e en calquera caso sei que ocorre nelas, pero por agora non estou preocupada por que a IA sexa unha ameaza para extinguir a poboación. Paréceme imposible que un programa que son uns e ceros, sempre controlado por persoas, se poida volver independente e tomar ese tipo de decisións. Dáme pena que se poña o foco nese problema que, de selo, é futurible, e se deixen de lado outros que si están pasando xa relacionados coa IA: se ten sesgos, se está suficientemente probada, se ten alucinacións, desinformación... Ou ata o da propia contaminación.

—Alingua incorporouna este ano como referente polo seu emprego do galego para divulgar ciencia.

—Desenvolvo a miña actividade en galego e crío aos meus fillos en galego. Porque así o quero, claro, pero si me teño sentido becho raro. Cantas veces non son só a única galegofalante da sala! Este recoñecemento é unha palmada que me fai feliz, pero tamén me dá pena que non haxa máis na lista.

—Outra das súas facetas é a de procurar vocacións femininas para enxeñería. Vostede é xa referente.

—Como a IA está de moda, teño oportunidades de divulgar. Sinto a responsabilidade de aportar o meu gran de area, de contar que son muller e enxeñeira. A veces somos referentes silenciosos, eu con xa selo só dunha nena... Recibía onte mesmo o correo dunha nai que me contaba que a súa filla quería estudar isto, e que no instituto Alfredo Brañas lle falaran de min.

—Na IA tamén falta perspectiva de xénero, podemos sospeitar.

—Desgraciadamente. Hai moitos casos de sesgos, e non é culpa dos algoritmos, iso é a punta do iceberg. Os algoritmos traballan sobre datos humanos. Amazon tiña un para axudar no seu proceso para contratar xente, e discriminaba por defecto os currículos de mulleres, porque nos datos que aprendeu só se contrataban homes. Non é culpa dos que desenvolvemos IA, pero si que temos unha responsabilidade, a de detectar datos con sesgos e mitigalos.

—Agora que se achega o Nadal, que soño ten como investigadora?

—Seguir encontrando métodos de IA máis éticos, que respecten os dereitos, que non contaminen. Non teño grandes soños nin preciso facer grandes descubrimentos nesta área, o que quero é seguir sendo feliz no meu traballo, disfrutar de todo paso a paso e aprender polo camiño.

—Pasará este tempo de ilusión que se achega en Carballo?

—Claro! Sempre aquí! Onde se non? Vivo en Carballo. Na miña casa levamos xa dúas semanas con árbore de Nadal [ri].