
Santi Canedo, porteiro indiscutible do Bergantiños, aposta por un resultado de 2-0 a favor no choque de máxima rivalidade co Paiosaco, este domingo
26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Bergantiños e Paiosaco mídense hoxe no derbi comarcal da Terceira Federación (As Eiroas, 17.00 horas). Os carballeses chegan nun doce momento, dende o máis alto da táboa, e tras oito xornadas invictos. Parte dese éxito pasa polo porteiro local Santi Canedo, titular nos once partidos disputados e con só nove goles encaixados. O que tamén é un dos capitáns do conxunto vermello analizou o destacado partido en Radio Voz.
—No último encontro en Arousa, pese ao resultado, 1-3, sufriron máis da conta, pero aí estivo vostede.
—Sempre digo que no equipo, entre todos facémonos mellores e é como chega a vitoria. Cando se consegue o rendemento colectivo, o individual é como que se triplica. O choque estivo condicionado polo terreo de xogo, que viña de bastante actividade e dun mes de precipitacións. Aínda así, As Eiroas segue sendo o peor campo da categoría. O Arousa fixo moitos méritos para puntuar, pero, como ás veces nos pasa a nós, non o logrou.
—Está no seu mellor momento?
—Creo que é momentáneo. Espero seguir así o máximo tempo posible. Estou estudando INEF e voume sempre ao dato. Neste caso, aos valores físicos. E en comparación con anos anteriores, son mellores. Traballo a forza en base a velocidade. Iso haino que sumar ao estado de confianza e a que, a nivel psicolóxico, non é a tempada do ano pasado.
—Que agarda do derbi?
—Eu firmo a vitoria. Espero un Paiosaco coa personalidade de ter o balón, porque é algo que teñen traballado. O equipo entende o que quere o seu adestrador e van a morte con el. Nós agardamos quitarlle a bola porque ao final, canto máis a tes, máis posibilidades se che presentan de gañar e de que che fagan menos dano. Creo que vai ser disputado, con dous equipos que intentan xogar a un fútbol bonito, se non o condiciona o tempo.
—Diría que os de Lestón están sendo o conxunto revelación?
—Poñeríao xunto co Betanzos. O Paiosaco ten moi bos xogadores, mozos, con fame de facer as cousas ben. Creo que non vai sufrir tanto como anos anteriores para salvarse. Teñen un colectivo traballado que lle vai dar moitos puntos de aquí ao final da campaña.
—Vostedes suman máis fóra que na casa. Polo momento, nas Eiroas, non chegaron a convencer de todo.
—Tamén é certo que cando veñen ao noso campo, atopámonos partidos cerrados. Cando xogamos a domicilio, eses equipos ábrense máis. Entón, non é o fútbol máis práctico e vistoso que queremos facer, pero os resultados estanse sacando.
—Como ve o nivel da Terceira Federación toda vez que se creou a nova categoría de Segunda RFEF?
—Este ano está subindo de nivel. Que conste que a Terceira de Galicia non ten moito que envexar.
—Cal é a súa porra para o encontro?
—2-0 para o Bergan.