Carballo apagará o candil do Ano do Xestal cun certame de contos humorísticos

CARBALLO MUNICIPIO

Foi presentado esta tarde e está dirixido a público, sobre todo, xuvenil, na procura de novos talentos
02 nov 2023 . Actualizado a las 19:30 h.A exposición en torno a vida e legado de O Xestal que se pode ver no Pazo da Cultura de Carballo foi este martes o mellor escenario para que o Concello presentase a iniciativa coa que o consistorio «apagará o candil» desde declarado como Ano do Xestal, ano 2023. Trátase dun certame de contos humorísticos que leva por nome, precisamente, O Xestal, e do que deu todos os detalles a edila de Normalización Lingüística, Ánxeles Pacoret, acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero. A proposta segue tendo como fin resaltar a figura de quen foi veciño de Carballo durante máis de 20 anos, referente da narración oral e, por riba, comprometido coa lingua galega en todas as súas facetas. Non obstante, o o concurso tamén ten como obxectivos fomentar o uso prioritario deste idioma, sobre todo en espazos lúdicos e entre a mocidade, á vez que promover a descuberta de novos talentos xuvenís. E é que, neste certame de contos, para o prazo de participación remataría a final de mes, poden participar todo os maiores de 16 anos que así o desexen, por máis que a organización se reserva o dereito, de ser o caso, de facer unha primeira selección de traballos nas que terían prioridade os autores de entre 16 e 30 anos, posto que é ao xuvenil ao que máis se dirixen. Pacoret lembrou o traballo «arreo» durante todo o ano para protexer e fomentar o emprego do galego. Tamén para «normalizalo», entendendo que hai ámbitos onde hai eivas, precisamente por exemplo o lúdico.
As bases do certame de contos humorísticos O Xestal están dispoñibles na web municipal, e a gala final, presentada por Xurxo Souto, será o 17 de decembro, ás 18.30, no Pazo, cunha actuación musical do colectivo O Xestal. Haberá 2.500 euros en galardóns: 1.200 para o primeiro premio, 800 para o segundo e 500 para o terceiro. Xunto coa solicitude de participación deberase achegar unha síntese do texto que se representaría, autor e título, cos requisitos necesarios de ser en galego e poder contarse nun máximo de cinco minutos. Calidade lingüística, ritmo, retranca, humor, interpretación, posta en escena, control escénico, relación coa figura do Xestal, orixinalidade ou impacto global serán as cuestións que teña en conta o xurado. Lembrou o rexedor, do seu lado, a necesidade da sociedade de poñer en valor os seus referentes, desexando que este concurso sirva para «perpetuar durante moitos anos» a memoria de Carlos Díaz, ademais de, por suposto, para a descuberta de novos valores para o conto: «Ten que seguir sendo realidade presente entre nós». Tanto Ferrero como Pacoret fixeron unha chamada á participación.