Como poder controlar a ira!: A propósito de «Puños de harina»

Santi Pazos

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Crítica teatral | Unha gran lección de pedagoxía inclusiva esta honesta obra de teatro. Ben escrita, ben dirixida e ben interpretada

27 oct 2023 . Actualizado a las 08:52 h.

Non quedei ao debate que Jesús Torres, intérprete, autor e director, comezaba cos alumnos de bacharelato que acudiron o mércores a ver Puños de harina, porque despois de hora e media de tanta intensidade interpretativa e dese silencio respectuoso que mantiveron expectantes, sen que se escoitara un chío nin real nin virtual, pensei que tiña dabondo para contar. Xusto acababa de ler neste xornal un informe da Fundación ANAR onde se denunciaba o crecemento da violencia de xénero entre adolescentes, e aí estaba agora vendo como un bo lote deles escoitaban con suma atención unha reflexión profunda en contra da homofobia, o racismo e a violencia. Son contrastes que a sociedade ofrece pescudando un chisco.

Aquí falase de dous xitanos que viven e sofren circunstancias adversas, en distintas épocas históricas, nun monólogo a dúas voces dividido en dez asaltos. Non só están unidos pola raza e as desgrazas, tamén o están polo boxeo, unhas avoas protectoras, e as árbores. E os dous teñen que loitar contra a ira que lles produce a inxustiza. Como di un deles, «non é máis forte o que máis forza ten, senón o que ten motivos para loitar».

ANA GARCIA

Rukeli significa carballo en alemán e é un personaxe real. Boxeador de orixe xitano a quen lle quitan o título de campión nacional por non ser ario e que despois de retar a Hitler, presentándose nun combate co pelo tinxido de rubio e enzoufado de po de talco, é asasinado nunha cámara de gas en 1943 logo de pasar por varios campos de concentración.

A avoa de Saúl compárao cun salgueiro. O pai, un maltratador de manual, quere que sexa boxeador por tradición familiar e facer del un home. Ao negarse a matar a un gato cunha pa, sendo un neno, o pai chámalle maricón e dille que o vai converter en home a forza de hostias. Saúl aínda non sabe que é homosexual, descubrirao moito máis tarde. Tampouco sabe por que ten que amar ou odiar a quen lle mande seu pai. Este xitano terá un futuro feliz, fuxirá cun mozo chamado Cristo que lle ensinará a amar libremente. Tamén se entera da historia de Rukeli, a quen lle devolven o campionato que lle roubaran sesenta anos despois de morto.

A narración destas biografías descorre paralela nun escenario no que unha gran caixa semella un cuadrilátero e unha caseta de feira, a un tempo, grazas aos xogos de iluminación. E a dramaturxia intelixente e comprometida de Jesús Torres, dividida nos dez rounds que dura un combate de boxeo, describe con crueza a violencia e desprezo aos que se teñen que enfrontar estes dous personaxes. «As miñas forzas son as súas fraquezas», din para intentar superar os atrancos, xa que se pode ser home de moitas maneiras. Unha gran lección de pedagoxía inclusiva esta honesta obra de teatro. Ben escrita, ben dirixida e ben interpretada. Totalmente recomendable. Como repite insistentemente Rukeli, e que as rapazas e rapaces entenderon desde o primeiro minuto, «fóra todo o ruído do mundo, dentro da miña cabeza só silencio». Parabéns..

Saúde e longa vida…