
Entrevista | O actor, parte do reparto de premiadas películas como «As bestas» ou «O corno», chegará a Carballo mañá cunha peza teatral, «O deus do pop»
06 jul 2024 . Actualizado a las 19:31 h.Se a pasada semana visitaba Radio Voz Telmo Irureta, Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación, este luns fíxoo o compostelán Diego Anido, case Premio Goya pola película As bestas, inspirada no crime de Santoalla. O seu papel dando vida a Lorenzo Anta valeulle a nominación como Mellor Actor de Reparto. Mañá, xoves —un día antes do anunciado inicialmente no programa—, Anido estará en Carballo para interpretar O deus do pop, parte do ciclo Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI) do FIOT: 21.00, auditorio do Pazo, 5 euros. «Cando che escoitei dicir ‘a presenza de’ pensei que ías dicir que non recibín o Goya porque a presenza de Luís Zahera [nominado na mesma categoría] impedíao por completo. Era imposible que eu obtivese o Goya, ese home e grande amigo é imbatible. Había ademais outros grandes actores nominados en reparto, de non ser el podería ter visto pasar o premio tamén por diante», confesou rindo na conversa con Fran Rodríguez este actor que asemade é parte do elenco do premiado e tan de actualidade filme O Corno.
—Segue sendo amigo de Zahera?
—Si, home! E na película, por moi malos que sexamos, eramos tamén irmáns e amigos ata a morte.
—Arrasou «As bestas» nos Goya, só faltou o premio a Actor Revelación, que o levou xusto Irureta.
—Exacto, era o Premio Goya que faltaba para a colección da película, para encher ben o estante.
—Como leva o peso do éxito?
—Non é para tanto. Non sei que lle pode pasar a outros intérpretes que pegan un subidón, pero non foi o meu caso. Si noto que a xente recoñece o traballo, ou que a veces me paran, pero pouco. Non é ese rollo de «Foto, foto!».
—Se nos cinguimos ao seu papel en As Bestas, calquera se achega.
—[Ri] Pensas que non lle piden foto ao villano máis villano? Seguro que si. Non teño enriba o peso da fama, disfruto da coherencia de todo o meu percorrido como traballador desta profesión. Foi sempre un percorrido polo baixo perfil, tratando de escoller o que máis me gusta por riba do que máis lle gusta á xente, dentro de que un actor a veces ten que coller case todo. Escoller moito a veces é quedar parado.
—Axuda tamén a experiencia.
—Si, hai lombo para levalas, como dicía Quico Cadaval.

—Repite no OTNI, o apartado máis arriscado do FIOT carballés.
—Penso que estiven no OTNI no 2015. Dentro de todo o que fago teño a miña propia liña de creación de espectáculos, O deus do pop é o quinto. Daquela si foi moi OTNI, irrompía un artista galego cunha linguaxe propia, pouco convencional, rara avis. A día de hoxe, non sei se por estar moi contaminado de min mesmo, considero que son un artista que fai teatro. Non teatro contemporáneo nin experimental, xa non son un OTNI puro, aínda que para o festival está ben encadrarme aí, por se hai unha parte do público que non acostuma a experimentar tanto, que saiba cando se senta na butaca que non está vendo algo convencional. O meu plantexamento dramatúrxico non ten nada que ver cun plantexamento aristotélico de inicio-nó-desenlace. Poderiamos comparalo nun collage. Cada parte é dixerible, logo a forma de compoñelo é o que pode retorcer un pouco o cerebro, que penso que é algo positivo. Que o cerebro se retorza, sufra, se lesione, que colla maniotas e logo se recupere.
—Texto, danza, música en directo, clown, humor, dramaturxia... Todo isto ten «O deus do pop», por certo con dous Premios María Casares logrados este 2023.
—Son soportes, especialidades artísticas dentro das artes escénicas, recursos. Son maximalista á hora de introducir códigos en escena, non son nada limpo, senón sucio e desordenado, sempre en beneficio da complicidade. Nesta obra agarro un anaco grande da miña biografía, lembranzas que teño, e trato de xogar con elas, pervertelas como se fosen alleas e crer unha nova identidade. Iso é O deus do pop, mesturo a miña biografía con unha inventada dunha estrela do rock. Nutrinme de Prince, Madonna, M. Jackson... Fantaseei ao máximo para ir de mártir cando me apetece, ir de persoa importante cando me apetece... Sen sentirme culpable despois, porque todo é un xogo.

—Móvese ben, ten dito, neses papeis que están «no fío».
—Para o papel en As bestas, como xa teño contando, chamáronme o día antes. Adapteime ao guión, reclamábase unha das miñas especialidades, da que non estou orgulloso [ri], eses personaxes no límite.
—Está no mellor momento da súa carreira? Van máis de 25 anos.
—Diría que é o momento óptimo a nivel de comodidade, pero sen chegar a comprar casas, coches, roulottes, invitar a festas... A porcentaxe de actores que pode facelo é tan mínima que nin deberiamos aspirar a iso. Traballei nun balneario, nunha xoguetería, nun restaurante... ao tempo que creaba. Sempre en precario ata que puiden vivir disto. E con dous fillos pequenos, pois choiando todo o día. Ao sofá non chego...