Abrazar o erro, a mensaxe de Mondra nas «tradpill» de O Alprende, en Carballo 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

GUILLERMO ZARAGOZANO

O artista, que está a revolucionar a música galega actual partindo dende a tradición, actuará tamén este sábado en Vimianzo

17 oct 2023 . Actualizado a las 12:53 h.

Ten a asociación Escola do Alprende de Oza, Carballo, un bo cometido entre mans. Agárdano rompedor. Un proxecto a curto, medio e longo prazo que pasa por «rachar con todo tipo de prexuízos cara a nosa música tradicional», dándolle «un envoltorio non para facela máis bonita, senón para metela nos novos contextos de redes, xuventude, novidade, emprendemento...». «A innovación da cultura tradicional como fío», engade Hadrián García dende a entidade.

O denominado proxecto Alprende 0, primeiro cun taller a cargo de María Barca e logo outro de Pablo Ferradás, é toda unha «declaración de intencións» que tivo o sábado como broche de ouro unha «tradpill» a cargo de Mondra, con posterior concerto na rúa Jacinto Amigo Lera. No público, varias xeracións, mais moita xente moza. Sobre o escenario, con el, tamén Xulia Sánchez de Brassica Rapa, ou Sandra Pérez, de Cantometrics, ademais de dous danzantes vidos de ritmos urbanos. A Mondra atribúenlle estar facendo unha revolución na música galega de raíz, ser unha nova estrela do «trad», así que ninguén mellor ca el para este contexto. Deixou tan bo sabor de boca que de seguro que en Vimianzo xa o agardan con máis ansia aínda: será un dos artistas da Muiñada deste sábado 21. Tamén alí chegará co seu disco Ardén, un universo paralelo, e a súa Folía de Ardentes.

GUILLERMO ZARAGOZANO

Por máis que cadraba con varias citas culturais, Mondra conseguiu reunir o sábado na biblioteca Rego da Balsa a máis de 60 persoas, algunhas chegadas dende Fene, para manter un diálogo, conversar en torno ao seu proxecto e filosofía de traballo. Ser interrompido, preguntado. «Tratábase de que outras persoas con inquedanzas puidesen coñecer o seu camiño», conta Hadrián. Entre as conclusións, o seu convite a «abrazar o erro». Poden fallar propostas arriscadas? Si. Pero tamén pode saír ben.

 
 
 
Ver esta publicación en Instagram

Una publicación compartida de Alprende (@escola_alprende)

Falou Mondra de rede, da súa rede, novos talentos que fan forza común en aras da profesionalización, co audiovisual tamén como piar. Teñen el e Alprende ansias similares, achegar o baile e a música tradicional á xente cun sentido de «vivilos». Sen crer esa tradición intocable.«Temos dereito a decidir como vivir a tradición no 2023», expoñía nunha entrevista previa Mondra, mestura de Lady Gaga e Dolores de Villariños, nas súas palabras. Cantigas recollidas traídas aos tempos, preocupacións e ritmos actuais. A deste artista foi a primeira «tradpill» de O Alprende, pero axiña virán máis, a seguinte quizais en torno á gastronomía, nese fío de «darlle unha volta á tradición».