Este mundo absurdo

santi pazos

CARBALLO MUNICIPIO

Basilio Bello

A propósito de «El Traje», con Javier Gutiérrez e Luis Bermejo, no FIOT de Carballo  | Tanto Javier como Luís manteñen un pulso interpretativo de alto voltaxe

17 oct 2023 . Actualizado a las 12:11 h.

Cando xuntamos un inquietante texto e unha boa dirección, neste caso ambos de Juan Cavestany, dous grandes actores como son Javier Gutiérrez e Luís Bermejo, unha escenografía de Mónica Boromello e unha iluminación de Eduardo Vizuete excelentes, o difícil e imperdoable sería que o resultado fora malo. Tampouco foi un elixir de deuses, poucas veces ocorre, pero cumpriron de largo e con méritos coas expectativas creadas.

Tanto Javier como Luís manteñen un pulso interpretativo de alto voltaxe durante toda a función para defender un texto que, partindo dun feito real como son as disputas que os clientes arman o primeiro día de rebaixas nun gran almacén, describe unha situación totalmente absurda que nos recorda a El Proceso de Kafka reinterpretado polos cómicos Faemino e Cansado. O resultado é dunha comicidade xocosa e angustiosa a un tempo.

Non acostumo a facelo, pero neste caso penso que é necesario resumir a trama para que se entenda ben o que estou contando: un suposto xefe de seguridade dese gran almacén encerra, nunha sala totalmente despersonalizada (con excepción dun cadro cun cadelo), a un empresario fracasado que tivo un altercado cunha señora, á que tamén manteñen encerrada, para ser interrogado sobre a pelexa que mantiveron para facerse cun traxe. Un e outro, despois de mutuos enfrontamentos e diálogos absurdos, terminarán colaborando como cómplices para desfacerse do cadáver da señora que, para rizar o rizo, finalmente resulta ser un home disfrazado e non está morto.

Engadamos que, teatralmente, é moi intelixente o incesante intercambio de papeis dos protagonistas que pasan de investigador a investigado, e viceversa, en enérxicas escenas que atrapan e manteñen en tensión ao espectador de xeito sorprendente. Unha comedia negra chea de matices, e de enganos, producidos polo autor a modo de despiste que van medindo en cada momento a forza psicolóxica dos personaxes. Memorables, e delirantes, escenas como a do tiovivo na que o xefe de seguridade, tendido no chan, prega comprensión e agarimo e a seguinte na que parece que a relación destes dous descoñecidos, en principio inimigos, vai acabar nunha relación amorosa ocasional. E moi enigmática e chocante esa onde o carcereiro lle abre a porta ao preso e este xa non quere marchar.

E socioloxicamente é moi interesante como materia de estudo, hai moitos xa escritos, sobre esa competencia e ferocidade do ser humano en situacións como a que narra este texto absurdo, mais non tan irreal como poida parecer. Non é certo que o teatro conte sempre a verdade, a maioría das veces minte e engana. Neste caso Cavestany xoga coa percepción que o espectador poida ter dun feito que, podendo ser perfectamente factible, se lle amosa como se fose un imposible.

Como din ao final «todo o que merece a pena esixe un sacrificio». Eu espero que esas penalidades sexan tan leves como para min foron gozando desta obra tan completa.

Aplausos. Seguiremos contando...

Saúde e larga vida…