Alberto Sueiro, director do FIOT: «O teatro é a arte con maior impacto, a súa mensaxe é directa»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

A intención do festival carballés deste ano: que cada quen volva á casa cun punto de reflexión. Comeza mañá! 

27 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá botará a andar o 32.º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Comezará o froito do traballo de meses e meses, tanto así que nestes momentos xa se andan preparando cousas para a edición do 2024. Falou onte en Radio Voz Bergantiños Alberto Sueiro, presidente da asociación Telón e Aparte —coorganizadora do FIOT xunto co Concello— e tamén director do festival.

—«O mellor FIOT da historia», ese gran clásico. Por que este si?

—E os outros tamén [ri]. A historia ímola facendo cada ano, procurando medrar, mellorar. Se os anteriores estaba xustificado, neste dende logo, por número de funcións e artistas que virán a Carballo, por calidade de espectáculos, por todo o conxunto.

—Mellor proxecto cultural de Galicia. Como senta?

—A Fundación Cultura Contemporánea recoñeceu ao FIOT no 2022 como unha das 17 insignias culturais de España e o proxecto cultural mellor valorado en Galicia. Como senta? Como un acicate, como un respaldo ao que estamos a facer, pero tamén como esixencia. Temos que estar á altura. É difícil chegar e manterse.

—Que comezo! Sete citas de Rúa dos Contos e unha de teatro de rúa.

—A fin de semana vén forte. Teremos a Víctor Fábregas, María da Pontragha, Pajarito, Xan Veiga... Xuntar todo iso son palabras maiores e máis aínda meter no mercado a un dos grandísimos clowns de España. Ter connosco a Pepe Viyuela —domingo— é unha satisfacción, levabamos tempo intentándoo. Que veña ao FIOT é darlle altura e calidade ao programa.

—O FIOT non só amosa, tamén contribúe a crear. Este ano coproducen «Apaga o candil», en torno a O Xestal. Dirixe Pazó.

—É unha idea que temos dende hai anos, anterior incluso a Fillos do sol, sobre Pondal, tamén dirixida por Pazó. Tiñamos moitas ganas. O Xestal, precursor da narración oral e recuperación da cultura popular, merecía no FIOT un posto destacado. A nosa intención sempre foi reivindicalo, pero ademais de intención tamén se necesitaban posibles e un dramaturgo. Isto dáse agora e nós encantados, por encima coincidindo co Ano do Xestal declarado polo Concello.

Ana García

—Intransixentes coa intransixencia. Por aí vén o fío deste ano. De que xeito actúa o teatro?

—É a arte con maior impacto das súas mensaxes. Tes ao artista en fronte, a mensaxe é directa. Sempre digo que o teatro é a arte que posiblemente mellor vaia sobrevivir á intelixencia artificial. A emoción dese texto declamado en directo é insubstituíble. O teatro é clave para achegarnos a eses comportamentos humanos onde as persoas deixamos de selo.

—Que lle atrae máis este 2023?

—A estrea de O pequeno poni, por exemplo. A primeira versión que se fai en galego deste texto, e teremos ao autor presente. Tamén a primeira vez de Javier Gutiérrez en Carballo. Ou que a compañía vasca Kulunka, tendo moitas propostas, elixise Carballo para estrear en Galicia o seu novo proxecto, facéndoo porque hai dez anos nós xa os contratabamos. Tamén Prima facie, con Vicky Luengo, primeira vez deste texto en español que acaba de estrearse en Madrid con grande éxito. Outra para non perderse: Hay alguien en el bosque, con Ariadna Gil, unha das poucas funcións que faga en xira. E velaí tamén La comedia de los errores, de Shakespeare. Todas as funcións teñen un motivo para ser vistas, poñen o foco en problemas que existen, a violencia, a violencia contra a muller, o acoso escolar... A nosa idea é que cando remate o FIOT todo o mundo poida levar para a casa un punto de reflexión que lle faga pensar que temos que facer algo.

—Queda algún espazo ao que non chegase aínda o teatro do FIOT?

—Esperemos que non, e xa non é só espazos, senón persoas. Teremos obras inclusivas, nas que se empregará linguaxe de signos.

—Outro clásico, a falta dun auditorio máis grande. É utopía?

—É desexo, necesidade case. Podemos sentar na mesa dos grandes festivais de España, e o FIOT ten esa consideración entre eles, pero temos que saírnos por falta dun espazo escénico de certas condicións. Non falamos de aforo de público, senón doutra cuestión. A tecnoloxía causa que os espectáculos teñan cada vez máis aparataxe e requiran máis espazo. É algo ao que poñerlle solución en Carballo, do contrario nun futuro moi próximo estaremos condenados a ser un festival de monólogos ou funcións de pequeno formato.

—Que o leva e seguir logo de...?

—32 anos! Na directiva, dos inicios, quedamos eu e Antón Rodríguez, Guitoi. Dicimos que nos metemos nisto porque queriamos entrar gratis ao teatro, pero 32 anos despois o que nos move é ver a dimensión e recoñecemento que acadou o FIOT. Gústame ver teatro, estar preto del, e son consciente de que a propia evolución do festival cara un encontro máis profesionalizado esixirá que outras persoas se involucren e o sigan facendo medrar. Está claro que nós estamos máis preto do final que do principio.

XOVES 28 DE SETEMBRO

  • Rúa dos Contos. Pajarito, con «A vida tola». Ás 18.00 horas, na residencia de maiores, con entrada libre. Das 20.00 en adiante, polas rúas de Carballo. 
  • Rúa dos Contos. Víctor Fábregas, con «O inmortal». No Mesón do Pulpo, ás 21.00, 5 euros. 

VENRES 29 DE SETEMBRO

  • Teatro de Rúa. SU.MA., con «Glamping», na Praza do Concello, ás 19.30 horas. 
  • Rúa dos Contos. Bea Campos, no Casino, ás 21.00 horas, con «Marcho que teño que marchar»: 4 euros. 
  • Rúa dos Contos. Xan Veiga, no bar A Estación, ás 22.30 horas, por 4 euros. Estrea de «Sonchistorias». 

Sábado 30 de setembro

  • Rúa dos Contos. Antón Coucheiro e Dani Blanco, no Valle Inclán, ás 21.00, por 4 euros: «Arestoria, o país das historias». 
  • Rúa dos Contos. Soledad Felloza, no café Colón, ás 23.00 horas, por 4 euros: «O comezo do mundo». 

Domingo 1 de outubro

  • Rúa dos Contos. Pepe Viyuela, no mercado municipal, ás 20.30 horas, por 12 euros. «Encerrona». 

Os billetes para os espectáculos en locais de hostalaría con entrada de pago pódense conseguir no propio negocio ou ben ataquilla.com.