Entendo perfectamente que existan varemos para avaliar adecuadamente onde e como se inverte o erario público. Incluso considero que son imprescindibles. Recadar a través de impostos progresivos e redistribuír con xustiza son características que identifican ás sociedades avanzadas. De aí que, en aspectos de índole social, dous e dous non sempre teñen por que ser catro. Dende logo que facer unha autopista cara a ningures sería un malgasto incomprensible. Sen embargo manter abertas escolas en zonas rurais, ou de pequena poboación, aínda que non cumpran as ratios marcadas pola burocracia educativa non me parece ningún desfalco. Hai sectores como a educación ou a sanidade nos que o déficit é benéfico e mesmo razoable. O que parece incomprensible, a todas luces, é que por falta dun alumno, un díxito matemático, pechen as escolas unitarias de Carnés ou dúas aulas no San Luís Romero de Carballo. E sumemos ademais a redución de docentes e os recortes nos presupostos dedicados a educación que isto provoca. A lóxica sería que a menos alumnos máis docentes e mellor atención, pero se deixamos que manden os algoritmos insensibles pouco importa a esixencia de equilibrio na ecoloxía humana e territorial. De feito, na Galicia baleira xa só queda toxo para un licor. Menos mal que os fillos de inmigrantes cobren en moitos lugares esa funesta cuadrícula, porque o gran problema que temos é o índice de natalidade. Algo que todos os estamentos coñecen sen asumir medidas para cambiar a dirección desa curva descendente. Afortunadamente o INE prevé que no 2029 reverta a tendencia grazas a que na primeira década do século XXI naceron moitas nenas. Por certo, por cada colexio público pechado abren tres concertados. A saber?