Esta semana a comisión da Festa da Milagrosa, como vén facendo tradicionalmente, presentou a súa revista conmemorativa. Un magnífico documento gráfico, literario e publicitario que proxecta a fortaleza e vitalidade, tanto creativa como produtiva, que ten o Barrio da Ponte.
Como non podía ser doutro xeito (sendo cruce de camiños, lugar de paso e de acollida), os autores sonche de aquí e de acolá. As temáticas variadas e as lembranzas fannos viaxar no tempo con personaxes que son referentes para moitos de nós, como Maruja de Gómez. Por iso, que un mozo como David Lamas escriba con admiración sobre o seu avó «Callitos», que acaba de cumprir 100 anos; que Irune Angulo faga unha homenaxe ás mulleres traballadoras que non tiñan nome propio, xa que só eran coñecidas pola descendencia patriarcal, ou que Fabián Lage se reivindique como nativo do Campo da Feira, xunto a outros moitos escritores e artistas plásticos que colaboran desinteresadamente, é un bo sinal desa compenetración interxeracional e convivencial que precisamos para facer Barrio. É dicir, para construír sociedade respectuosa e libre.
O Barrio é a pel agarimosa que, despois da do propio corpo e da afectiva familia directa, nos acolle, coida, forma e transforma, enche a nosa memoria de recordos, moitas referencias excelentes e tamén outras para esquecer. Vida, en definitiva.
E que un grupo de veciños se xunten para traballar arreo para que gocemos eses días dunha —¿real ou ficticia?— felicidade é de agradecer. Parabéns para eles e para todos os que colaboran, cada quen como sabe ou pode, porque outro ano máis o primeiro fin de semana de setembro a pel das nosas rúas amencerán cheas de música e tatuaxes floridos.