Carballo prepara un acto conmemorativo polo oitenta aniversario de Manuel Facal
CARBALLO MUNICIPIO
O Concello, que lle entregará mañá un agasallo, vén de asinar un convenio de colaboración coa fundación que leva o nome do artista
19 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.En plena configuración da fundación que leva o seu nome, o Concello de Carballo ultima os detalles dun acto conmemorativo para festexar o 80 aniversario do artista Manuel Facal. Será mañá mesmo, xoves, cando o alcalde, Evencio Ferrero, lle entregue no nome de toda a corporación local un agasallo moi especial, como é unha reprodución do cartel do Concurso de adquisición de pintura galega que o Concello convocou no ano 1988. Tivera unha primeira e única edición, con oitenta obras participantes, e obtiveran os catro premios os artistas Antón Mouzo, Berta Cáccamo, Álvaro González de la Vega e Cruz Pérez Rubido.
Previsto para as once da mañá na alcaldía, o Concello pretende con este acto agasallar a un gravador que ten sido «embaixador de Carballo por todo o mundo» e agradecerlle, tamén, a continua colaboración que mantén «dende hai anos» co seu municipio, ao que ten doado numerosas obras artísticas. É o caso de varios cadros de gran formato ou das esculturas O Peixe, situada na rotonda da Ponte da Pedra; O Escalo, localizada no parque empresarial de Bértoa, ou Enredos, na zona do instituto Monte Neme.
Máis aló da conmemoración do seu 80.º aniversario, a xunta de goberno local do Concello de Carballo vén de aprobar esta mesma semana un convenio de colaboración coa Fundación Manuel Facal, que foi constituída legalmente en agosto do ano pasado. En virtude dese convenio, o consistorio outorgaralle á entidade unha subvención nominativa de 12.000 euros co obxectivo de «financiar unha serie de actividades que se desenvolverán ata fin de ano», explica o executivo local a través dun comunicado.
Esta colaboración entre as dúas institucións, engade o consistorio, irá máis aló e frutificará doutras maneiras, como coa doazón ao Concello de Carballo de gran parte da obra do artista, unha colección que inclúe pinturas, gravados, debuxos, esculturas e outro tipo de pezas. Tamén se cederá o uso dun edificio familiar do propio gravador, situado na rúa Sol, para convertelo na sede do futuro Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal.
O artista, con obra en dezaoito museos de once países diferentes e recentemente galardoado cun dos premios Bos e Xenerosos que outorga anualmente a Fundación Eduardo Pondal, acumula máis de cincuenta anos de traxectoria creativa e ten producido obra en áreas como o gravado, a pintura ou a escultura. Salientable foi tamén a colaboración editorial con poetas como Xavier Seoane, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Xela Arias, Uxío Novoneyra ou Miguel Anxo Fernán Vello, entre outros.
Malia que agora alterna a súa residencia entre Málaga e Carballo, ten tido estadías no estranxeiro, estadías que, segundo contaba esta mesma semana en La Voz, foron cruciais no seu desenvolvemento como artista. Foino, por exemplo, o seu paso por Londres, pois aí se introduciu ao mundo do gravado.