
A exitosa sesión vermú a base de improvisación oral deixou este domingo pequena a carpa da Praza dos Libros
10 jul 2023 . Actualizado a las 00:20 h.«Abenzoado o pobo que sabe honrar os seus artistas», dixo Xurxo Souto o sábado en referencia a Carballo e a este ano 2023, declarado Ano do Xestal. En referencia, particularmente, ao libro Os contos das risas serias, da autoría do doutor en Filoloxía Xohán Xabier Baldomir, cuxa presentación Souto foi o encargado de conducir. Falou de Carlos Díaz, O Xestal como «artista realmente extraordinario», «que encheu de vida esta vila e o contorno de Bergantiños», un artista que merecía esta coidada obra que no seu día foi autoedición, pero que Concello de Carballo e Deputación relanzan nunha edición sumamente coidada. «Artista total», dixo Baldomir do Xestal: «Queremos que estea presente, que volva xurdir a súa figura e que pasados os anos nos sigamos acordando de quen foi e que fixo». A iso contribuirá este libro que Xurxo definiu como «referencial». Aínda que veu ao mundo en Monte Alto (A Coruña), en Lema atopou O Xestal o lugar onde comezar de novo, a dignidade, a súa casa: «Dalgún xeito foi onde el naceu». Nunha das presentacións máis nutridas —o público levaba ademais de balde un exemplar da obra—, na carpa da Praza rematouse o encontro cantando Apaga o candil.

O Xestal, entre as súas moitas facetas, era regueifeiro, e historia fixo precisamente este domingo na Praza dos Libros a regueifa. De pouco chegou o camarín. O público encheu a Praza na hora da sesión vermú para escoitar, aplaudir e rir cos membros da Escola de Regueifa carballesa, proxecto recente, pero iniciado con moi bo pé. «Día histórico para Carballo», dixo orgullosa a mestra, Lupe Blanco, pouco despois de que as edilas Maruxa Suárez e María de los Ángeles Pacoret presentasen a intervención da Escola, si, con melodía bergantiñá de regueifa.
Con moita sorna, o alumnado presentouse e dou pé ás primeiras chanzas, boa parte delas ligadas ás orixes da cada quen. A ironía dos versos chamou a atención dun grupo de vascos que visitaban a comarca estes días: «Nos acercamos porque nos recordaba a nuestros bertsolaris». Festexa Lupe o relevo na identidade, e as novas xeracións veñen fortes: de feito, a boneca da xornad levárona os pequenos Diego e Tirso.