«O Ano do Xestal é un soño, estáselle dando unha dignidade moi merecida»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Xohán Xabier Baldomir Cabanas presenta hoxe na Praza dos Libros de Carballo «Os contos das risas serias». Antes e despois, moitas outras actividades na plic!

08 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Praza dos Libros de Carballo, aberta de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00, acolle hoxe unha das presentacións máis destacadas, a da obra Os contos das risas serias, do docente Xohán Xabier Baldomir. Estará acompañado —20.00 horas— por Xurxo Souto, un dos meirandes seguidores de Carlos Díaz, O Xestal. Porque diso vai a obra, sobre O Xestal. Este 2023 é, ademais, o seu Ano en Carballo. Polo demais será unha terceira xornada intensa nesta Praza, con librarías e editoriais participantes de Carballo, Arteixo, Santiago ou, tamén, Malpica. Actividades mañá e tarde, cunha aposta decidida, doutro lado, polo máis pequenos da casa. Fala Baldomir:

—Autor cullerdense. Que o levou a investigar sobre O Xestal xa no 2010? É, digamos, historia familiar?

—Teño un vínculo familiar co Xestal. É primo terceiro meu. Meu pai, seu primo, estaba enfermo naquela altura, doíalle especialmente o esquecemento e menosprezo que había da figura do Xestal. Por el e por facerlle esa homenaxe a Carlos, por iso foi que comecei.

—No 2013 ese traballo vía a luz en forma de autoedición, pero esta publicación que se presenta en Carballo é unha versión mellorada e corrixida, co apoio de Concello de Carballo e da Deputación.

—Iso intentei. Aquela fora unha autoedición para unha editorial de pouco renome, foránea, mais esta está moi traballada, intentei perfeccionar o texto. Non hai cor dunha edición a outra. Agora hai ademais fotos, é máis visual, unha marabilla como quedou.

—Sorprendeulle que o contactasen dende o Concello carballés para relanzar este seu traballo?

—Sorprendeume, e sorprendeume tamén que se quixese potenciar a figura do Xestal. Pero foi unha sorpresa moi agradable.

—«Contos das risas serias» é un percorrido por 83 contos do Xestal. Por que eses e non outros?

—A elección sempre é difícil, escollín estes porque me pareceron os máis significativos. Había representacións de moitas temáticas, como os malos tratos, por exemplo, a pena de morte, o feito da contaminación... eran temas que me interesaban porque estaban aínda vixentes. Xogaba con vantaxe, porque algúns dos discos tamén os tiña na casa, e para outros fun ao arquivo do Consello da Cultura Galega. A partir de aí fun facendo a selección.

—Semella obra de cabeceira para non esquecer a este bergantiñán.

—Estaría ben non volver esquecelo, porque Carlos fixo moito, fixo moito por Bergantiños e por Galicia en xeral. Sería unha pena que volvese caer onde estaba.

—Que foi o que máis lle chamou a atención na súa investigación?

—Descubrín moitas cousas. Un dos principais informantes que tiña era meu pai. Moitas desas cousas pediume que as mantivese en segredo [xa faleceu], entón vou cumprir esa palabra que lle dei. Quizais o que máis me chamou a atención e o que máis me doeu foi ese presidio en Badaxoz por unha acusación falsa de corrupción de menores que lle marcou a vida.

—Que lle parece que o Concello declarase este ano Ano do Xestal?

—É como un soño feito realidade. Estáselle dando unha dignidade e unha presenza que era moi merecida. Si é verdade que xa o Concello no ano 2010 fixera algúns intentos, porque eu cando empecei coa investigación algo diso encontrei, pero o que están facendo agora para min é algo impagable.

—Que foi O Xestal para Galicia?

—Un galego máis, pero un galego comprometido co país, que puxo da súa parte para que este país se dignificase. Para min é o principal. Facíao da maneira que podía, sobre todo cos contos, moi críticos. Rescatou a música da Marcha do Antigo Reino, fixo cancións...

—Xa tivo ocasión de visitar o xardín dedicado a O Xestal?

—Aínda non. Non me foi posible asistir o día da inauguración por causas laborais, pero aproveitarei a xornada da presentación para poder facelo. Será unha emoción.

O PROGRAMA PARA HOXE

11.30 horas. Infantil. Estefanía Padullés. Contacontos con debuxo en directo e presentación do libro «A miña cadeliña» (Hércules Ediciones).

12.30. Infantil. Teatro Ghazafellos. Adaptación teatral do libro «Travesía unicornio», de María Canosa.

13.00. María Canosa. A escritora ceense asina exemplares de «Travesía unicornio».

19.00. Héctor Pose. Presentación de «A urna das cartas» (Hércules Ed.). Acompaña Santi Pazos.

20.00. Xohán Xabier Baldomir. Presentación do libro «Os contos das risas serias». Con Curxo Souto.

21.00. Nee Barros. Presentación de «Non estamos quebrades». Acompaña Andrea Jamardo.