O Xestal ou o Monte Neme, dúas claves na PLIC! de Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Entre o 6 o 9 de xullo sucederanse presentacións variadas, concertos infantís, obradoiros, regueifa...

15 jun 2023 . Actualizado a las 15:10 h.

«Na estampa deste recordo seremos infinitamente felices». Estes versos de María Lado, xa anunciada hai uns días como pregoeira da edición 2023 da Praza dos Libros de Carballo, acompañaron este xoves, precisamente, a presentación detallada do programa da vindeira edición da PLIC!. Así é como se rebautizou esta cita cos los libros do verán carballés que aglutina baixo o selo de «feira da creatividade cultural» un bo número de disciplinas: todo, entre o 6 e o 9 de xullo. «Vimos coas mellores expectativas», comentaba a representación de libreiros no acto, nun xoves de mercado. Estarán as clásicas —Brañas Verdes (Carballo), Á lus do candil (Arteixo), Clarión (Carballo), Teldy (Carballo), Trasgo (Carballo) e Espiral Maior Foro (Carballo)—, mais súmanse como novidade a editorial Caldeirón (Malpica) e A Gata Tola (Santiago). Non poderán estar desta volta nin Demo nin Ler. Serán catro días de moita actividade e de axetreo nas casetas. O 10 % de desconto todos eses días atrae, e dende logo o atún do xoves e o pan do domingo —xornadas de feira—, que novamente volverán recompensar as compras. Haberá unha representación de todos os xéneros, con peso dos autores locais, do infantil ou mesmo de manga e banda deseñada, que dun tempo a esta parte se está a mover moito e moi ben. Actuacións para nenos, concertos para público adulto como o de Sés e presentacións literarias dinamizarán unha PLIC! con máis agasallos directos «ca nunca» mediante tarxetas rasca, anunciou o edil de Cultura, Marcos Trigo. Cando chegue esta Praza, xa non o será.

O Xestal e o Monte Neme

Sendo o Ano do Xestal este 2023 non falta na PLIC! unha lembranza para el. Nada menor, en tanto que se presentará unha reedición da obra Os contos das risas serias: un percorrido por 83 relatos d’O Xestal. Foi no seu día unha autoedición de Xohán Xabier Baldomir á que agora se lle dá unha nova vida de mans do Concello e co apoio da Deputación. Publicación cun coidadísimo deseño gráfico obra do carballés Óscar Vázquez que, ademais desa análise de máis de 80 relatos de Carlos Díaz, inclúe un amplo espazo para biografía —revisada para este nova edición ampliada— e tamén fotografías, de Xurxo Lobato. O propio Xohán Xabier Baldomir estará presente na Praza, acompañado dun gran fan do Xestal: Xurxo Souto. Todo isto, o sábado 8 de xullo, ás oito da tarde.

Ademais da orixinalidade dunha sesión vermú a base de improvisación oral coa Escola da Regueifa (domingo 9), esa derradeira xornada finalizará cunha novidade editorial en torno a un espazo único da capital de Bergantiños. Trátase de «Monte Neme. O Olimpo bergantiñán». En fin, días inzados tamén de sinaturas por parte de autores, que cómpre reservar para facerse coa mellor lectura do verán. A PLIC! quere deixar un recordo feliz.

Xoves 6 de xullo

  • 11.00 horas: Comezo da Praza dos Libros.
  • Durante toda a mañá: Libros con atún. Todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cunha lata de atún Calvo. Animación toda a mañá con Cé Orquestra Pantasma.
  • 12.30 horas: Inauguración e pregón a cargo de María Lado, coa actuación da Banda Municipal de Gaitas de Carballo.
  • 18.30 horas: Música Miúda en Concerto! Concerto infantil de presentación do libro-disco «Cambia o conto».
  • 20.00 horas: Acompañada por Héctor Pose, Marta Villar presentará a súa obra «Non temerás os coches amarelos».
  • 21.00 horas: Acompañado por Xosé Ameixeiras, Félix Neira presentará «Misterios e encantos de Bergantiños».

Venres 7 de xullo

  • 12.00 horas: «De ciencias ou de letras?», Experimentos con Antía Yáñez, para os máis novos. En formato obradoiro.
  • 18.30 horas: «A Ramona pequena vai á lúa» (Galaxia) é o novo libro-disco de Paco Cerdeiras, Pakolas. Presentarao cun concerto cargado de moito rock e de moitas historias.
  • 20.00 horas: Acompañado por Patricia Blanco, o escritor Francisco Castro dará a coñecer «A historia de Sara».
  • 21.00 horas: Conversa entre autores. Participan o carballés Manuel Rey Pan e tamén Eduardo Rolland. Presenta o libro «Historias fascinantes da ciencia en Galicia».
  • 22.30 horas: Desde o oficio e a madurez, María Xosé Silvar, Sés, volve aos inicios no seu oitavo traballo discográfico, «Diante un eco». Presentarao aquí cun concerto.

Sábado 8 de xullo

Ana García

  • 11.30. Contacontos con debuxo. Iso é «Debuxando un conto», de Estefanía Padullés. Presenta «A miña cadeliña».
  • 12.30. Tamén para público infantil, Teatro Ghazafelhos representará a esta hora a adaptación teatral do libro «Travesía unicornio», de María Canosa. A autora firmará exemplares.
  • 19.00. Acompañado por Santi Pazos, o malpicán Héctor Pose presenta o seu libro «A urna das cartas».
  • 20.00. Posta de longo da reedición de «Os contos das risas serias: un percorrido por 83 relatos d’O Xestal», de Xohán Xabier Baldomir Cabanas. Acompaña Xurxo Souto.
  • 21.00. Nee Barros presenta nesta última cita de sábado a obra «Non estamos quebrades». Presenta Andrea Jamardo.

Domingo 9 de xullo

PACO RODRÍGUEZ

  • Toda a mañá. «Un libro, un pan».
  • 11.00. Acompañado por Xaime Díaz, Alberto Varela Ferreiro presenta o libro «Plus ultra».
  • 12.00. Marilar Aleixandre dá a coñecer «As malas mulleres». Acompañada por Miguel Anxo Fernán Vello.
  • 13.00. Sesión vermú coa Escola da Regueifa de Carballo.
  • 18.30. Concerto infantil con Magín Blanco, presentación do libro disco «Caderno de cores e cancións».
  • 20.00. Acompañada por Belén Edreira, Inma López Silva presenta o libro «Escola de mulleres».
  • 21.00. Presentación do libro colectivo «Monte Neme: O Olimpo bergantiñán»: Luís Ángel Bermúdez, Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez, Xan Fernández, García Losada, Luís Giadás e Neira Pérez.