Evencio

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

16 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, de non haber un cataclismo, Evencio Ferrero será proclamado alcalde de Carballo por sexta vez. Despois de 20 anos, fará seus eses coñecidos versos do tango de Gardel: «Sentir que es un soplo la vida, que veinte años no es nada...» Así que toca felicitalo e desexarlle moita sorte, tanto no persoal como no colectivo, xa que dos éxitos da súa xestión gozaremos a totalidade dos carballeses. (Os que prefiran e queiran cambiar gozar por sufrir están no seu dereito). Penso que eternizarse nos cargos, sendo legal e democrático, non é bo. A comodidade é á política o que a rutina ás parellas. Pero tamén entendo que encontrar a un herdeir@ para substituír a un líder tan carismático é unha tarefa tan complicada que, case sempre, termina en sangue. Milio Tuñón dicía que o gran arquitecto era o que mellor servía a sociedade entendendo que a sociedade non sempre sabe o que quere. No caso de Carballo, tendo en conta os resultados, está claro que Evencio concita adhesións maioritarias, e transversais no aspecto ideolóxico, produto dese carácter conciliador sen perder a integridade ética e sen traizoar, que eu saiba, os principios que guían o seu compromiso político desde novo. Chama a atención, iso si, que na foto de portada do Anllóns aparecera con Ana Pontón. Parece un presaxio de que no horizonte próximo pode embarcarse en novas aventuras. A saber? O importante agora é que nesta etapa continúe ese proxecto de humanizar Carballo e que por fin vexan a luz importantes proxectos como a circunvalación, o ambulatorio ou ese novo auditorio que, aínda non dependendo na súa totalidade do concello, si precisan dunha actividade negociadora máis activa, ou belixerante, ante outras administracións.