Pedro Luís encheu o Pazo de Carballo de emoción, música e lembranzas: «Fixéchelo de novo»

Patricia Blanco, Xosé Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Noite para a historia na memoria de Fernández Pombo. Durante máis de dúas horas, un ateigado auditorio gozou da forza vital que tiña este avogado-gaiteiro falecido no 2022

11 jun 2023 . Actualizado a las 20:39 h.

Onde estaba Pedro había sempre amizade, música e ledicia. E así volveu ser este sábado nun ateigado Pazo da Cultura. Pedro Luís Fernández Pombo, falecido en xaneiro do 2022, volveuno facer. Volveu xuntalos a todos, aos seus, no Carballo que nunca deixou. «Non me cabe dúbida de que hoxe estás aquí, que estás presente. Estamos a celebrar a túa vida», pronunciou a súa viúva, María Teresa Vila, na compaña do seu fillo, tamén Pedro, que viña de interpretar Capricho árabe. Aplaudidísimos ambos nun acto de máis de dúas horas que encheu ao público de bágoas, pero tamén de sorrisos. A vida. Foi unha noite para historia do Pazo, un tributo dos «incondicionais» coordinado dende Aires de Bergantiños e directo ao corazón de todos os que coñeceron «ao noso Pedro», pero tamén directo ao corazón do propio Carballo. «Os pobos deben saber agradecer a amizade, a entrega e o sacrificio», afirmou o alcalde, Evencio Ferrero. Carballo soubo estar.

BASILIO BELLO

Noite ateigada de fotografías, vídeos e palabras, dende as de Aires de Bergantiños ás do párroco García Gondar ou ás dos seus compañeiros de avogacía. Dende os seus camaradas socialistas aos seus amigos ciclistas ou de natación. Aquel fillo da emigración, aquel bo estudante, que nunca deixou de lado aos de sempre, aos das andainas, aos do teatro, aos do entroido, aos da música, aos de tanto e tan variado asociacionismo. Daba para todo.

BASILIO BELLO

Pedro foi quen de facer desandar o tempo para volver xuntar este sábado, pese ás ausencias, e logo de máis de 30 anos, a aqueles mozos que un día integraran Boneca. E a Marea Baixa e a Son Seis. Coma se o último ensaio fose onte, «todo flúe», afirmou María Teresa Vila, que os convidou a non deixar de reunirse. Non podía faltar tampouco nunha homenaxe a Fernández Pombo a gaita, a música tradicional, e velaí os gaiteiros de Albaroque, que abriron o encontro con grande solemnidade, Nemeth ou Arume. Fixeron festa, porque Pedro era festa. Botaron risas, porque Pedro era risa, e a iso contribuíron os presentadores, Fran Rodríguez e o mago Álex. Presidindo toda a velada, a monteira de Pedro.

BASILIO BELLO

«Estamos aquí recordándote, porque nos xuntamos, porque, Pedro, querémoste moitísimo, e queremos máis Pedro. Non queremos esquecerte, ou non podemos. Deixaches a nosa vida chea de bos momentos e anécdotas, encantábache facer rir, disfrutaches e disfrutamos da túa compañía, deixáchesnos o exemplo da entrega e o compromiso. Transmitiches a túa ilusión por mellorar o teu entorno, a paixón que poñías en todo o que facías, a túa naturalidade, espontaneidade, transferencia. Ser entrañable, cariñoso e xeneroso (...) Segues presente nas nosas vidas, levámoste no recordo, nos pensamentos e tamén nos nosos corazóns. Segues influíndo nas nosas vidas, estás presente en todas as nosas conversas...». Emocionada, con estas palabras, a súa viúva agradeceu a todos cantos sumaron vontade para este recordo que seguramente Pedro Luís tería contemplado feliz, pois en torno á súa figura uniuse todo o tecido dese Carballo no que el naceu e do que nunca quixo saír.