Cando un merca lotaría adquire un pouco de esperanza cristalizada que o azar racha acotío sen compaixón e que cando non se cumpre unha promesa esfúmase un feitizo provocado por certa ilusión infantil. Algo disto pasa con moitos proxectos culturais. As expectativas creadas case sempre serán minguadas por factores que nada teñen que ver coa relevancia fundacional. As boas intencións topan, case por norma, con aspectos pecuniarios relativos ao mantemento e xestión que, aínda sendo previsibles, son mal taxados ou esquecidos co paso do tempo. (Sempre inexorable e vingativo). Como exemplo a Fundación Rafael Alberti (Cádiz), onde os problemas de herdanzas, falta de financiamento, escaseza de persoal e pobre programación, menosprezan a figura deste autor universal, aínda contando con importantísimos fondos pictóricos e bibliográficos. Tamén é certo que hainas públicas, privadas, ou en colaboración mixta, que funcionan estupendamente. Isto ten como motivo a nova de gran relevancia para Carballo como é a creación da Fundación e Centro Cultural de Arte Contemporánea Manuel Facal, bendita polo Concello, apoiada sen obxeccións e recoñecida pola Xunta como de Interese Cultural Galego. Na miña opinión é, xunto co Rexenera Fest ou o FIOT (Buque Insignia da cultura en Carballo), unha importante ocasión para confirmar a puxanza artística da nosa vila. Agora ben, sen querer ser agoireiro, recomendo que se teñan en conta o compromiso financeiro institucional, dirección profesional e independente, asignación de persoal permanente e, entre outras cousas, horarios razoables, programación expositiva e cultural de nivel contrastado, etcétera... De non ser así...