Evencio Ferrero, BNG de Carballo: «Só vexo tres candidaturas con opcións para o salón de plenos»

f. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

A carreira electoral | Ferrero destaca que o programa do BNG aborda medidas transversais mantendo o horizonte «Carballo 2030»

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de vinte anos como alcalde de Carballo, e de formar parte da corporación dende as primeiras eleccións do período democrático, Evencio Ferrero (1955) volve aspirar á reelección polo BNG.

—Como foi a campaña?

—Pois desenvolveuse con bastante normalidade, que é sempre o desexable. E a nivel persoal, pois xa hai suficiente bagaxe como para saber dosificar. Ademais, a candidatura do BNG está tremendamente activa, con moita xente implicada, co cal o traballo está moito máis repartido.

—Tardou en despexar a incógnita de se repetiría ou non como candidato. Por que?

—Formaba parte da estratexia. Non foi por ningunha razón política ou persoal, senón para xogar un pouco con esa interrogación. No obstante, creo que finalmente ninguén se sorprendeu de que continuase.

—Seis partidos en liza. E iso que Terra Galega desistiu de concorrer.

—Si, foi unha sorpresa de última hora. E facendo memoria, creo que poida ser o máximo histórico de formacións. En calquera caso, creo que os veciños limitarán a presenza no salón de plenos ás únicas tres candidaturas con posibilidades reais. Hai que superar o listón do 5 % dos votos, que andará preto de 800, e considero que só tres forzas o poderán facer finalmente.

—Que balance fai deste mandato?

—Foron catro anos moi singulares, invadidos por unha situación sanitaria que alterou tódolos plans de investimento e actuación. O covid requiriu dun gran esforzo por parte de tódalas Administracións e houbo que destinar recursos, en primeiro lugar, a tratar de salvagardar a saúde dos veciños. A partir de aí, intentamos manter un concello transformador e inversor, e continuar estendendo a rede de servizos.

—Algo que quedara no tinteiro que lamente especialmente?

—Sempre quedan cousas, e por ese motivo seguiremos traballando. O problema é que as Administracións locais dependemos especialmente doutras Administracións, como por exemplo na obtención de permisos sectoriais para levar a cabo obras ou proxectos. É o caso da travesía de Sísamo: está todo listo, pero Augas de Galicia aínda non contestou. Ou tamén da ampliación do polígono de Bértoa ou da circunvalación: dúas infraestruturas que traerían máis dinamismo económico e máis emprego.

—Cree que son cousas que serán realidade no próximo mandato?

—Espero que si, que a Xunta actúe con responsabilidade e atenda ás urxencias e necesidades.

—Que destaca do seu programa?

—Polo que coñezo, o BNG é o único que ten un programa completo: 36 páxinas con tódalas nosas liñas de actuación e mantendo esa visión 2030. O horizonte nunca debería ser inmediato, porque hai circunstancias que obrigan a planificar máis a medio prazo. Temos un programa transversal que abordará os principais problemas de Carballo: esas infraestruturas básicas, ese edificio para entidades sociais, a mellora das instalacións deportivas e culturais ou a expansión do ciclo integral da auga.

A LISTA

1. Evencio Ferrero Rodríguez

2. María Belén Lendoiro Esmorís

3. Xosé Regueira Varela

4. María de los Ángeles Pacoret Rodríguez

5. José Daniel Pérez López

6. Maruxa Suárez Cotelo

7. Juan Manuel Seoane Collazo

8. María del Carmen Ures García

9. Iván Andrade Tasende

10. Luis María Lamas Álvarez

11. María Mar Eirís Villar

12. Miguel Ángel Vales Mallo

13. Ramón Varela Rodríguez

14. Begoña Moscoso Varela

15. Daniel Barreiro Quintáns

16. Raquel Rodríguez Pose

17. Roberto Carlos Martínez Puga

18. María del Mar González Lago

19. Santiago Ramiro Domínguez

20. Milagros Lantes Seara

21. Marcos José Trigo Facal

Completan a lista dez suplentes.

PREFERENCIAS

  • A que hora se ergue? Ás 8
  • Que almorza? Froita, café con leite, torrada...
  • Prato preferido Un asado lento
  • Que non comería? Insectos
  • Bebida preferida Cervexa
  • Equipo de fútbol Os locais, e tamén o resto de deportes que se poden ver en Carballo
  • Que coche ten? Un Toyota Rav 4
  • Unha afección Ver deporte en vivo
  • Un lugar Baldaio, é espectacular
  • Unha rede social? WhatsApp e Twitter

ARTES E LETRAS

  • Escritor/a favorito/a José Saramago
  • Último libro que leu Culpa, de María Solar
  • Última película que viu No cine, Matria
  • Un/a artista Luis Seoane
  • Un actor Vai de Luises tamén: Tosar e Zahera
  • Unha actriz María Vázquez
  • Un/a cantante ou grupo Pablo Milanés
  • Tipo de música De todo, pero prefiro de cantautor
  • Deporte que practica Dende a grada [ri]
  • Unha viaxe pendente Volver a Uruguai