Rubén Lorenzo, PP de Carballo: «O único voto de cambio útil en Carballo é o voto para o PP»

F. RODRÍGUEZ / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Deputado autonómico, encabeza por vez primeira a candidatura popular á alcaldía do municipio cabeceira de Bergantiños 

22 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que xa é dende hai tempo a cabeza visible do PP de Carballo e edil dende o 2019, Rubén Lorenzo, tamén deputado autonómico, encabezará por vez primeira a lista popular nunhas eleccións, este 28 de maio. Técnico en Comercio e Márketing, é do 1982.

—Como marcha a campaña?

—Ben, intensa, pero ilusionante, traballando duro, tanto eu como o meu equipo, ao que lle agradezo o esforzo. Traballamos para ser a alternativa do goberno, para acadar ese cambio que Carballo precisa.

—Ese é o obxectivo?

—O obxectivo é claro: gobernar Carballo. Somos a única alternativa ao goberno actual. O único voto de cambio útil é o voto que vaia ao PP, todo o que non sexa votar ao PP acabará beneficiando á continuidade do señor Ferrero.

—Seis partidos en liza, e iso que se caeu TeGa. Como pode influir?

—Ante todo saúdar a todos os candidatos e á candidata, Maricarmen Vila, desexando que o que resta sexa unha campaña de respecto, fuxindo desa política que calquera cidadán rexeita agora, a da confrontación. É un síntoma de saúde democrática que calquera partido que estea en disposición de presentar unha lista o faga. Que haxa cinco partidos a maiores do noso beneficia ás posibilidades que se lle dan á veciñanza para escoller, pero insisto en que o único voto para o cambio será o do PP. Entran en xogo eses dous concelleiros de TeGa e estamos intentando convencer a eses votantes para que aposten polo cambio.

—Cal é o balance do feito polo goberno do BNG nestes catro anos?

—Foi un mandato marcado pola pandemia. A pesar do respecto institucional que tivemos durante todo ese proceso, agora xa se pode facer balance e entendemos que o goberno non estivo á altura. Prestábase atención de axuda no fogar sen os medios necesarios de protección. Puídose facer moito máis, pero non deixa de ser un síntoma dun goberno ao que a pandemia o que fixo foi dárlle máis pulo a esa inercia, apatía e inacción na que leva instalado dende que goberna en solitario o señor Ferrero. Carballo vai a menos e está perdendo día a día oportunidades. Foi un mandato máis de promesas incumplidas, como o edificio de entidades sociais ou un novo auditorio. Non se fixo nada nin sequera para reformar o Pazo, unha das grandes obras que se fixeron en Carballo no anterior mandato do PP.

—Que destaca do seu programa?

—É un programa amplo, pensando no Carballo do futuro, un novo Carballo é posible. Temos proxectos a curto, medio e longo prazo. Un proxecto para servir ás persoas: conciliación, educación, politicas sociais, deporte, saúde... Queremos xestionar o noso concello con eficacia, xerando oportunidades, poñendo o emprego no centro, e co desenvolvemento turístico e industrial da nosa zona, apostando polo rural. As parroquias deben ter as mesmas oportunidades. Apostamos por un proxecto que una as sinerxías, coa igualdade e a inclusión como obxectivos transversais, eliminando barreiras arquitectónicas e coa cultura como elemento de cohesión. Un novo plan de mobilidade e humanización que acabe co laberinto no que se converteu a vila e que facilite a vida, abrindo as vías estruturantes previstas no PXOM dende o 2016.

A LISTA

1. Rubén Lorenzo Gómez

2. María Beatriz Neira Varela

3. Isidro Varela Bardanca

4. María Isabel Cotelo Recarey

5. José Rey Torres

6. Javier Calvelo Bellón

7. Sheila Cotelo Lado

8. Yolanda Varela Pérez

9. Adrián Fariña Vázquez

10. Uxía García Vilanova

11. Óscar Álvarez Pose

12. Raquel Cotelo Varela

13. José Iván Blanco Martínez

14. Lucinda Serrano Tasende

15. Rodrigo Recarey Periscal

16. Cristina Rojo Sande

17. Carlos Señarís Balsas

18. Sara Nión Varela

19. Jesús Javier Rey Gómez

20. María Esperanza Pan Collazo

21. José Juan Castro Barca

PREFERENCIAS

  • A que hora se ergue? Ás 07.15
  • Que almorza? Café con leite vexetal e torradas
  • Prato preferido: Quedo con un bo cocido
  • Que non comería? Nada que estea vivo
  • Bebida preferida: Bebo auga, pero unha copa de Mencía de vez en cando
  • Equipo de fútbol: Son de baloncesto. Pero o Bergan e os demais do municipio
  • Que coche ten? Un Nissan QASHQAI
  • Unha afección: A música en vivo, concertos
  • Un lugar: A franxa costeira de Razo-Baldaio
  • Unha rede social? FB, IG (sobre todo), Twitter, Linkedin...

ARTES E LETRAS

  • Escritor/a favorito/a: Descubrín a Manuel Jabois
  • Último libro que leu: «Miss Marte», precisamente
  • Última película que viu: «Sica», fun á preestrea
  • Un/a artista: Xoel López, León Benavente...
  • Un actor: Ricardo Darín, dende hai anos
  • Unha actriz: Blanca Portillo
  • Un/unha cantante ou grupo: Sabina e Leiva son debilidade
  • Tipo de música: Rock, indie, alternativa...
  • Deporte que practica: Agora camiñar, porta a porta
  • Unha viaxe pendente: París e Londres