Sen tempo a dicir adeus

Laura Ríos A XANELA

CARBALLO MUNICIPIO

22 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 368 días que marchaches. Sen palabras solemnes que resoaran na habitación nin unha película que recollese os nosos momentos felices. Fúcheste canso dunha loita que sempre estiveches sentenciado a perder. Quen ía saber que estabas así? Que pronto o eco da túa voz quedaría calado no medio das tebras. Que o teu corpo de carballo parecería crebadizo baixo as sabas. Que os teus ollos deixarían de mirar con orgullo todo o que construíron xunto a mamá. O que máis me doe pensar é que por moito que estivésemos aos pés da túa cama, quizais sentías que te fuches só, que por vez primeira non ía haber ninguén tendéndoche a man ao outro lado.

Foi un golpe seco, un respiro ínfimo que puxo final a unha vida de esforzo e sacrificio na que a palabra familia tiña un significado líquido que penetraba calquera emoción ou dificultade. As mans que sempre simbolizaran fogar tornaron de súpeto na testemuña do paso do tempo, de como as ondas do mar tamén soan fóra das cunchas. Lembro sentar ao teu ladiño no salón e argallar algo para que me acariñases coa intención de gravar o tacto rugoso da túa pel a lume na cabeza, selando coa memoria un pacto claro, calquera cousa excepto isto, por favor.

Todo segue en pé, mais parece unha especie de decorado. Sen ti, a casa é unha cuncha de noz na que nos gardamos do frío, un refuxio sen alma no que o ar murmura o teu nome. Un mundo paralelo no que visitarche xa non é volver de Santiago cada fin de semana, senón poñer flores en San Paio. Manuel Ríos Beiro, o pai que confiaba máis en min ca min mesma.