Lema, «a tope» para volver escoitar a regueifa de Bergantiños

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O encontro da Escola Municipal, este pasado venres, conseguiu ateigar o local social. Xa había anos da última batalla oral nesta parroquia carballesa, entre Calviño e Mandián. «Foi un ghustazo», asegura Lupe Blanco

16 may 2023 . Actualizado a las 01:08 h.

«Foi un éxito total e rotundo», asegura a coristanquesa Lupe Blanco, coordinadora dos encontros da recentemente creada (e xa con premio!) Escola da Regueifa de Carballo. Refírese á noite do venres, cando da man da asociación Río de Lema e das oito da tarde en adiante, os participantes nesta iniciativa do Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, conseguiron ateigar o centro social da parroquia de Lema: «A tope, moitísima xente que se ve que lle gusta a regueifa, que segue acordándose dela. Faláronnos da última que houbera alí, entre Calviño e Mandián, e dende aquela xa choveu», conta Lupe. Por tanto, cun público así, ante o que espertar memoria, era unha oportunidade de ouro para que os asiduos á Escola se botasen a regueifar diante da xente, improvisadamente: «É como mellor sae, non foi unha clase ao uso, normal, senón unha regueifa pura e dura, durante máis dunha hora, co público ríndose moitísimo, case sen baza de todo o que cantaban», describe a coristanquesa. Unha tarde-noite que rematou en foliada con pandeiretas, cantos e baile, coa xente encantada e os regueifeiros animados a seguir: «Un ghustazo». «Un día histórico», como describía este luns Carme Pereiro, responsable do SNL do Concello de Carballo, durante o tributo a un artista que tamén foi regueifeiro, Carlos Díaz O Xestal

Non pode estar Lupe máis satisfeita de como marcha a Escola Municipal de Regueifa de Carballo. En cuestión de dous ou tres meses ten un grupiño que xa destaca nesta arte da improvisación e cinco ou seis que regueifan «a unha velocidade moi boa»: «Temos un grupo de xente marabillosa, pasámolo xenial cando quedamos. Participantes dende os 8 ata os 70 e pico de anos, entre eles unha rapaza da Ponte do Porto e un de Lugo que, por motivos laborais, reside en Carballo e tamén se uniu aos obradoiros». Vai tan ben a cousa que ata manteñen un grupo de Whatsapp no que, todo o que se teñen que dicir, dino regueifando: «Estou encantada, teñen esa gracia e esa retranca nosa de aquí, de Bergantiños, ese xeito no que se cantaba antes, aínda que falemos de temas actuais. Gústalles aprender a regueifa ao modo Bergantiños e iso é súper positivo», valora Lupe. Nova oportunidade para velos: este mércores 17 de maio, día das Letras Galegas, ás 12.30, na Praza de Carballo.