«O Encontro Lusófono de Carballo pode servir como modelo para o resto de Galicia»
CARBALLO MUNICIPIO
O IES Alfredo Brañas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coordinan esta proposta para o día 4 de maio. Fala Valentín García
30 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Pazo da Cultura de Carballo acollerá o vindeiro 4 de maio, ás 11.30 horas, a primeira edición dun Encontro Lusófono promovido dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Alfredo Brañas, coorganizado coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Colaboran os departamentos de Lingua galega e literatura e de Xeografía e historia, ademais do Concello.
«É unha idea do equipo de dinamización do instituto carballés, coa profesora Beatriz Corral. Preténdese fomentar os vínculos coa lusofonía», explicaba onte Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Algo que xa se vén facendo con diversas actividades, e ao que contribuíu a coñecida como lei Paz Andrade, que foi quen a inspirou. O instituto carballés xa foi pioneiro no seu día, e é hoxe un dos centros dependentes de Educación que ofrecen portugués como lingua estranxeira en todos os niveis da ESO e de bacharelato.
Este Encontro Lusófono terá como público a 150 alumnos de secundaria e bacheraleto, e do que se trata é de amosarlles a validez do galego na comunicación con nada menos que os 260 millóns de falantes no mundo que ten o portugués, a lingua máis falada no hemisferio sur do planeta e a lingua dalgunhas das economías actuais máis emerxentes. «Queremos visibilizar ese contacto», incide Valentín García, algo que se fará de modo lúdico e didáctico, valéndose das actuacións de Uxía e Sérgio Tannus, «que xa o fan de forma natural», e tamén do labor do promotor cultural Vítor Belho, responsable de Nordesía Producións.
Cantos na Maré-Maré, aRi[t]mar, Semana de Convergências Portugal-Galiza... experiencias todas elas das que se falará en Carballo. Incide o secretario xeral de Política Lingüística no carácter de «proposta piloto» que terá este Encontro Lusófono en Carballo: «Ben pode servir como modelo para outros sitios de Galicia, e para que outros centros incorporen este contido no seu currículo didáctico», reflexiona. Si hai xa experiencias de ensino de porgués, como é sabido, se ben é novidosa esta experiencia de dinamización dunha proximidade entre as linguas das dúas beiras do Miño que «é obvia» e mesmo «doada de entender», pero que non está de máis «explicar» co afán de que esa proximidade teña aplicacións prácticas. «A xente si dá por sentada esa proximidade, e acóllese moi ben, con total normalidade, coproducións de series por exemplo coa RPT, pero logo ese potencial non se executa», abunda. Pretende ser este encontro unha forma «lúdica e didáctica» de amosar o «instrumento tan poderoso» que é a lingua galega. En definitiva, non só coñecela, senón falala, que velaí é onde está o problema, un fin que tamén se procura coa programas como 21 días co galego ou con FalaRedes. Dinamizar, e non xa normalizar. Valentín García tratará de estar o xoves en Carballo: «Bergantiños e a Costa da Morte deben ser das comarcas que máis visito».
Destacada presenza
Uxía
Para Uxía (Mos, 1962), Carballo é unha vila especial. Pasou por ela non hai moito, polo seu Verán Cultural, recordando daquela nunha entrevista que fora aquí, na capital de Bergantiños, onte comezou a súa carreira musical, gañando o primeiro premio do Festival da Canción de Bergantiños. Dende aquela pasaron decenios. A súa voz acompaña numerosas iniciativas do ámbito lusófono, e ligouse xa para sempre ás de Amália Rodrigues, Dulce Pontes, Joäo Pereira...
Sérgio Tannus
Se Uxía é unha galega que, ademais de na súa lingua, canta tamén en portugués, Sérgio Tannus (Itaperuna, 1967) é un brasileiro afincado en Galicia. Un «brasi-galego» ou «brasilego», como di un dos seus discos: «Son brasilego». Cantante, compositor, instrumentista, tendeu ao igual que Uxía unha auténtica ponte musical entre os países da lusofonía, especialmente Galicia e Brasil, se ben tamén co apoio doutros músicos portugueses, angoleño... Unha referencia.
Vítor Belho
Unha compañía musical independente. Raíces galegas, alma global e aberta ás músicas do mundo. É o lema de Nordesía Producións. Estará neste Encontro de Carballo Vítor Belho, cofundador do proxecto no 96. «Apostamos polo talento local e atraemos talento de outras culturas», describen. Exporá ao alumnado experiencias na produción de festivais que, coma Uxía ou Sérgio, tamén tenden «pontes» entre as dúas linguas.