Historia, amor, dor e arte

santi pazos

CARBALLO MUNICIPIO

Santi Pazos
Santi Pazos BASILIO BELLO

UN VIACRUCIS, POR SANTI PAZOS | Intento liberarme desas ideas que me zoan insistentes nos miolos... 

29 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

primeira estación

De cando en cando preciso escribir estes viacrucis nos que intento liberarme desas ideas que me zoan insistentes nos miolos. Acostuman a ser opinións pretensiosamente transcendentes sobre acontecementos e vivencias que, seguramente, só me concirnen a min. Xuízos que ninguén reclama. Mais, poden crerme, que se non as boto fóra estoupo.

segunda estación

Reflexións, en moitos casos, que me producen unha dor punzante. Como cando me pregunto que falla entre o mundo real, organizativo e publicitario para que na Primavera en Danza, con prezos reducidísimos, sexamos corenta gatos os que vaiamos ver bailar a un excelente e recoñecido Daniel Abreu na estupenda alegoría titulada El hijo. Unha obra na que a danza é argumento corpóreo e introspección natural, imaxe e movemento. Algo faremos mal, digo eu, e non só en Carballo?

ANA GARCIA

Terceira estación

Xa no aspecto persoal, pregúntome moitas veces se serei eu un home procedente dunha gran errata ou serei, máis ben, un deses seres absortos que pensan que a dor e o amor na arte son parte imprescindible dun sentimento abstracto que favorece a creatividade. Claro que se revisamos a Rothko veremos que o creador vive un drama do que o espectador desfruta.

cuarta estación

Se como dicía Victoria Fernández-Cuesta, (descansa en paz, querida amiga!), o amor e a dor son as pilastras fundamentais da nosa existencia e que a dor da historia deixa ao descuberto as fendas da nosa civilización, poderemos acordar que as fendas profundas da existencia humana son case imposibles de suturar.

VICTOR HUGO

quinta estación

Quizais nalgúns casos, coa recuperación da memoria histórica si poidamos restaurar deshonras incomprensibles. Esa é a ferramenta coa que traballa o poeta Modesto Fraga dedicando todos os esforzos para dar visibilidade, na Biblioteca da Fisterranía, a xente que endexamais debeu ser esquecida como Ramón Marcote. Autodidacta e ilustre intelectual.

sexta estación

O esquecemento é un pesticida mental que ataca directamente as nosas esencias. De aí que sexan tan importantes iniciativas como o Seminario sobre Queixumes dos pinos que, dirixido por Luis G. Soto e Afonso Xabier Canosa, realizamos nese ágora cultural que é Espiral Maior Foro.

BASILIO BELLO

sétima estación

Parece que contra o esquecemento tamén traballa o pintor Tucho Caamaño. Poden comprobalo se van ver esa gran exposición, que acaba de inaugurar na Rúa do Sol, onde todo é cor, memoria e luz. Sabe xa, sendo tan mozo, que para crear, como dicía Picasso, as ideas hanlle vir cando teña lenzo, espátula e pintura á man.

BASILIO BELLO

oitava estación

E se de arte, amor e dor da historia falamos, temos que citar a Francisco Miguel, pintor asasinado polos falanxistas, xunto con tres veciños máis de Bértoa, que non poden ser soterrados coa dignidade que merecen porque o Arcebispado de Santiago non acaba de conceder o permiso necesario. Cousas que remexen na tripada.

novena estación

De amor e desamor tamén fala o amigo X. Antonio Andrade na reedición dese libro de sentimentos e relacións bífidas titulado Querida Paula. Se o coñecen saberán que a xente boa existe. Dou fe. Palabra de ateo.

Ana García

DÉCIMA estación

Claro que escribir un viacrucis en época electoral e non falar de política sería, como pouco, incongruente. Deixeino adrede para estas últimas paradas de penitencia. Teño tanta confianza na democracia que incluso cando penso que nos equivocamos sigo defendendo con paixón a participación no sistema.

undécima estación

Por moito que sexa complicado de xestionar encántame que en Ponteceso, por moito que lle pese a García Carballido, cada familia presente unha candidatura. Os cidadáns participan, non se desentenden do compromiso colectivo.

décimo segunda estación

As eleccións municipais teñen un compoñente persoal moi acentuado. De aí que, aínda que en xeral son proxectos renovadores, a maioría de candidatos non acaban de asimilar que a eternidade é un concepto caduco e incómodo. O límite de mandatos xa tarda en ser regulado.

ANA GARCÍA

décimo terceira estación

Afortunadamente algúns levedaron, por fin, e abandonan. Outras, como Milagros Lantes, poden retirarse satisfeitas por ter aportado honradez, moita dedicación, dignidade e compromiso político.

décimo cuarta estación

E deixounos Carlos Etcheverría. Recordando a este gran republicano socialista fago a última estación de penitencia. Bo amigo co que comecei no PSP a miña inquedanza pola política. (DEP).