O IES Alfredo Brañas promove para o 4 de maio un Encontro Lusófono

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Miguel Muñiz

Aulas e dinamización lingüística | Será a primeira edición, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Uxía, Sérgio Tannus e Vítor Belho estarán presentes

29 abr 2023 . Actualizado a las 12:43 h.

O instituto Alfredo Brañas de Carballo, dende o seu Equipo de Dinamización da Lingua Galega e coa colaboración dos departamentos de Lingua Galega e Literatura, así como de Xeografía e Historia, coorganiza xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o vindeiro 4 de maio, xoves, a primeira edición dun Encontro lusófono. Terá como destinatarios a 150 alumnos e alumnas de terceiro da ESO e primeiro de bacharelato, con horario de inicio ás 11.30, no Pazo da Cultura. Colabora tamén o Concello.

A voz de Uxía, o músico brasi-galego Sérgio Tannus e o promotor cultural Vítor Belho, responsable de Nordesía Producións, serán os encargados de contarlles aos rapaces as principais iniciativas en Galicia arredor da lusofonía e da promoción do uso do galego neste ámbito, complementando así os contidos curriculares das aulas. O instituto Alfredo Brañas de Carballo, cabe recordar, é un dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que ofrecen a materia de portugués como lingua estranxeira en todos os niveis da ESO e bacharelato.

Tratarase, en definitiva, de poñer en valor a orixe común e proximidade lingüística, social e cultural dos dous idiomas falados ás beiras do Miño.