Aplausos para a canteira musical de Carballo e Cee

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Basilio Bello

As últimas actuacións en directo da ESMU ceense e do CMUS carballés contaron con numeroso público

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheo para ver aos rapaces de vento metal do Conservatorio de Carballo, e cheo tamén para o concerto que ofreceron os estudantes da Escola Municipal de Música de Cee. Na Costa da Morte, sen dúbida, hai canteira.

En Carballo, na parte alta do Pazo da Cultura, uns quince rapaces interpretaron unha combinación de pezas clásicas e populares con trompeta, trombón, bombardino e fliscorno. Tal foi a acollida, contaba onte o director do CMUS, Javier Bardanca, que algunha xente mesmo tivo que quedar de pé. A do martes foi a última cita do calendario de actividades de marzo, pero xa teñen outras dúas para o vindeiro mes de abril: actuación da Banda Municipal na procesión do Venres Santo (día 7) e concerto da Big Band conxuntamente coa Big Band de Oleiros, o día 25.

Pola súa banda, en Cee, corenta alumnos de tódalas especialidades instrumentais que se imparten na escola protagonizaron una vintena de actuacións. Houbo solistas, dúos, tríos e grupos que encandilaron aos numerosos asistentes que encheron o auditorio da Casa da Cultura.