Talento baiés no Carballo Interplay

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Un proxecto do instituto Maximino Romero de Lema foi recoñecido no acto de apertura do festival, que se prolongará ata o sábado

30 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha iniciativa do IES Maximino Romero de Lema de Baio foi recoñecida nos premios do proxecto Dinoescolas, impulsado polo festival Carballo Interplay para promover a creación de contidos dixitais en galego entre a mocidade. Así foi anunciado onte no acto de apertura do festival, que arrincou no Pazo da Cultura carballés en presenza de Jacobo Sutil, director de Agadic; Alejandro Rodríguez, representante de CREA; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e concelleiro de Promoción Económica en Carballo; Evencio Ferrero, alcalde carballés, e Sonia Méndez, directora do festival.

Logo do acto inaugural, no que tamén se recoñeceron proxectos do IES Val do Asma, IES A Cachada e a Escola de Imaxe e Son de Someso, comezou o talk show Dando a turra, que foi conducido por Belén Puime e Uxía Vázquez e tivo como convidados ao actor e guionista Miguel Canalejo, a tiktokeira e estudante Eira, a artista visual e musical Hydn e a xornalista Xulia Lomba.

Logo de charlar sobre aspectos que afectan á mocidade galega, como a madurez, o mundo laboral, a frustración profesional, a conciliación ou a presión da idade, participaron nunha divertida «guerra xeracional»: milenials contra Xeración Z e Xeración Alfa. Responderon a preguntas relacionadas con series, películas, videoxogos ou música e, finalmente, foi o grupo dos milenials o vencedor.

A actividade continuará no Carballo Interplay durante tres días máis con charlas, obradoiros, gravacións en directo ou unha zona profesional.

O programa destes días

Hoxe, xoves 30

11.00: «O outro lado da pantalla. Unha historia underground do internet galego», con María Yáñez.

12.00: Podcast «Petiscos no Derby», en directo con Carme D. Prol, Nico Carreira, Sara Seco, Carla e Marcos de «Todo Mal», Meryfos e Totakeki.

17.00: sección oficial de webseries. Bloque «Movidas humanas».

18.30: Presentación de proxectos que optan á categoría de mellor proxecto de webserie en galego.

20.00: Estrea de «Mentres non chova», peza gañadora do mellor proxecto de serie web na pasada edición.

23.00: Sesión golfa, as series máis gamberras destes dez anos do Interplay.

Mañá, venres 31 | Zona Pro

11.00: «Do podcast ao show».

12.00: «Novos xeitos de habitar a rede».

13.00: «Unha década despois, como comunican as canles públicas?».

16.00: networking zona Pro.

17.00: webseries. Movidas antes dos 30.

17.00: taller de creación dixital de memes co Proxecto UNA.

18.30: Dentro podcast (Radio Primavera Sound).

20.00: Nacho Martín Project live, con El Hematocrítico.

22.00: «Rajando con...» Laura Márquez e Tomás Fuentes.

Sábado 1

11.30: «Amiga, yo te cuento», con Culomala/Excomplice, Estela Ortiz, proxecto UNA.

13.00: sesión vermú con Marta Salicrú

17.30: webseries. Movidas despois dos 30.

19.00: «Tal para mal», con Teresa Segura e David Sainz.

21.00: Entrega de premios.

00.00: Burnin' Percebes.